O sub 16 Hugo Casañas crece a pasos axigantados ao conquistar o ouro autonómico en lanzamento de disco
Por Redacción
O atleta pontevedrés Hugo Casañas segue queimando etapas na súa formación como atleta. Fillo de dous referentes dos lanzamentos como Frank Casañas e Loli Pedrares, Hugo leva o atletismo no sangue e demóstrao en cada competición. A pasada fin de semana na Coruña fíxose coa medalla de ouro en lanzamento de disco. A súa marca, 61,90 metros, supón un novo récord autonómico e déixao a un só metro da mellor marca española da categoría.
Despois dunha tempada en pista cuberta inmellorable, Hugo Casañas inicia a campaña ao aire libre nun magnífico estado de forma. Despois de facerse co cetro autonómico xa ten a vista posta nos seus próximos obxectivos. "O primeiro é estar en Alacante (campionato de España da Nucía os días 24 e 25 de xuño), que xa está conseguido, e ou segundo é chegar aos 62 metros co disco", declarou despois de facerse co triunfo.
O prometedor discóvolo mostrouse tamén satisfeito co seu rendemento. "Síntome moi ben coas marcas que estou facendo e seguiremos traballando para conseguir máis e mellores", sostén o atleta que tamén recibe en casa o apoio dos seus pais, dúas grandes figuras do atletismo. "Están moi contentos comigo", recoñece orgulloso.
A marca conseguida esta fin de semana por Hugo Casañas en Elviña déixao moi preto do récord nacional, que segue en mans de Marcos Moreno que en xullo do 2018 na cidade portuguesa de Leiria lanzou o disco a unha distancia de 62,92 metros, un metro e dous centímetros máis que o lanzamento de Casañas.
No campionato autonómico, o lanzador pontevedrés do Atletismo Rías Baixas estivo acompañado no podio por Diego Reboredo (Atletismo Deza) e Hugo Novoa (CD La Purísima) que lograron unhas marcas de 41,71 e 35,21, respectivamente.
Relacionadas:
-
Hugo Casañas, novo ouro nacional en Valencia
Por Almu Dapena |
-
Hugo Casañas, de récord en récord
Por Diego Espiño |
-
Sabela Martínez e Hugo Casañas, ouros pontevedreses no Nacional Sub-16 de Federacións Autonómicas
Por Redacción |
-
Preto de 300 atletas estrean unha nova edición do Circuito de Atletismo en Pista de Pontevedra
Por Redacción |