Comunicado conxunto dos clubs, o adestrador de liga infantil acusado dun comentario machista e os pais da nena afectada
Por Diego Espiño
"Frear todo tipo de violencia verbal, física e machista no mundo do fútbol". Ese é o obxectivo do comunicado conxunto elaborado polo Villalonga FC e o CFB Poio, o adestrador de categoría infantil acusado de comentarios machistas cara a unha porteira de 13 anos de idade e os pais da nena afectada.
A pedimento dos propios pais este mércores celebrouse unha xuntanza á que acudiron directivos dos dous clubs e o adestrador do Poio, que presentou a súa dimisión tras saír á luz este desagradable episodio nun partido de liga infantil celebrado a pasada fin de semana no campo do Revel, en Vilalonga.
O adestrador acusado de verter comentarios machistas "recoñece e condena os actos e agradece a oportunidade que lle brindan os pais para poderse desculpar", sinala o texto difundido polo Vilalonga FC.
Ademais fan fincapé na "forza que fixeron ambas as dúas directivas para que a reunión fose de cordialidade e así poñer todos un gran de area para desatascar esta situación".
Tras uns días "convulsos" e deixando claro que "o adestrador non sufriu nin utilizou violencia física de ningún tipo" os implicados pretenden que "así como se xerou topdo este ruído negativo gustaríanos xerar igual ou aínda máis ruído pero para ben: para difundir os bos comportamentos e bos valores de agora en diante".
Por último piden "que paren as hostilidades e ameazas nas redes, en todas as direccións, xa que isto non leva a ningún lado".
Comunicado oficial | Comunicado conxunto co CFB Poio pic.twitter.com/Kb34ZdHJoV
— Villalonga FC (@VillalongaFC) May 10, 2023