Trepidante partido do Marín Futsal con vitoria sobre Alcantarilla para certificar a permanencia (4-3)
Por Ramiro Espiño
Terminou o Marín Futsal coa serie de cinco partidos sen perder do Alcantarilla, logrando unha vitoria que, a falta de tres xornadas, garántelle a permanencia na máxima categoría do fútbol sala feminino.
Non puido empezar mellor o partido o Marín Futsal, que antes de cumprirse o ecuador do primeiro acto logrou unha renda de dous goles que parecía augurar unha tarde tranquila. Nada máis lonxe da realidade, Alcantarilla encaixou ben os mazazos e fíxose dona da pista, presionando e forzando erros defensivos que lle permitiron neutralizar a vantaxe marinense ata o punto de restablecer a igualdade no marcador antes de retirarse ao descanso.
Ceci en xogada persoal de lonxe nun disparo á escuadra, tras condución de Ale de Paz, abría o marcador, e a mesma Ceci aproveitando un envío en longo de Silvia, poñía o 2-0 cando só se disputaran oito minutos.
O equipo murciano incrementaba a súa presión sobre a saída de balón do Marín e trataba de poñer cerco á portería local. Miri, de penalti batía a Silvia para meter ao Alcantarilla no partido, tanto que dous minutos máis tarde Mariángeles, de disparo afastado, conseguía empatar, para dar paso a uns minutos finais do primeiro tempo convertidos nun correcalles con chegadas de perigo sobre ambas as áreas, pero sen incidencia no luminoso.
A segunda parte ofreceu un partido espeso, con pouco ritmo, excesivos erros e apenas continuidade no xogo, sen que ningún dos equipos lograse impoñer o seu mando, ata que Adriana, en xogada persoal, adianta de novo ás de Ramiro Díaz, saíndo desde o seu propio campo e aproveitando un rebote para meter a punteira e bater por raso á meta visitante.
Verse de novo por diante deu confianza ao cadro local, que tentaba dispoñer de posesións longas, mentres que, a medida que pasaban os minutos, Alcantarilla cometía cada vez máis erros nas combinacións, que lle levaban a perdas de balón sen chegar a aproveitar o dominio territorial que as marinenses lle concederan, buscando sentenciar á contra. E cando a defensa víase superada, aparecía Silvia, que baixou a "persiana" da súa meta, converténdose nun muro infranqueable para as murcianas.
Con todo, cando parecía que non podía pasar nada, a falta de catro minutos, Ana Belén resolvía unha excelente triangulación polo centro, partindo dun saque de banda, para bater por alto a meta de Silvia, que esta vez nada puido facer, establecendo de novo a igualada no marcador.
Alcantarilla dominaba e Marín seguía moi atrás, incapaz agora de ganduxar xogo ofensivo. Aínda así, a igualdade presidía o choque. Ramiro Díaz amagaba con recorrer a Lara Balseiro para utilizar o xogo de cinco, con pouco máis de dous minutos e medio por diante, pero non lle fixo falta. Marín recuperou o control e a falta de 1'12" Miri comete un claro penalti, empuxando a María León a un metro da liña de meta, o que deu a Ceci a oportunidade para, cun forte disparo ao centro e por alto, subir o 4-3 ao electrónico.
Obrigadas polo marcador, as murcianas si que optaban polo xogo de cinco para tentar o milagre no último minuto, pero Marín defendeuse sen abafos, pechando unha vitoria que certifica a súa permanencia na máxima categoría do fútbol sala feminino.
MARÍN FUTSAL (4): Silvia Aguete; Jessy, Ceci, Ale de Paz e Pau (quinteto inicial). Tamén xogaron, María León, María Estévez, Adri, Inés Mayán, Lara Balseiro e Nuria.
LBTL ALCANTARILLA (3): Ana Romero; Ana Belén, Bet, Marta de los Riscos e Mariángeles (quinteto inicial). Tamén xogaron, Blanca, Pao Cartaxena, Andrea, Iraia, Carla, Tere, Miri e Irene Franco (segunda porteira).
Colexiados: Castro Nantes e Darriba Villamor. Recibiron cartolina amarela Pao, Irene Franco, Marta de los Riscos e expulsada a adestradora Alicia Morel (39’) no LBTL Alcantarilla.
Goles: 1-0, min. 3 Ceci. 2-0, min. 8 Ceci. 2-1, min. 15 Miri (de penalti). 2-2, min. 17 Mariángeles. 3-2, min. 26 Adriana. 3-3, min. 37 Ana Belén. 4-3, min. 39 Ceci (de penalti).
Incidencias: Pavillón Municipal da Raña (Marín).
Relacionadas:
-
O Marín Futsal, sen premio na final da Copa Galicia ante a pegada do Burela (1-5)
Por Redacción |
-
Dous goles no último minuto dan a vitoria ao Marín Futsal ante o Teldeportivo (3-4)
Por Redacción |
-
Amargo adeus do Marín Futsal en cuartos de final de Copa da Raíña (1-2)
Por Diego Espiño |
-
O Marín Futsal estrélase co Amarelle na súa loita pola permanencia (2-1)
Por Redacción |
-
O Móstoles rouballe dous puntos ao Marín Futsal nos últimos minutos (3-3)
Por Redacción |
-
Ramiro Díaz renova como adestrador do Marín Futsal
Por Redacción |