Fútbol contra o cancro por Semana Santa
Por Redacción
O campo de fútbol Manolo Barreiro da Xunqueira será escenario este martes 4 de abril dun evento benéfico en favor da Asociación Española Contra o Cancro. O novo futbolista pontevedrés Javi Domínguez e o seu grupo de amigos máis íntimo asumiron o reto de organizar na súa cidade "o maior evento deportivo benéfico que se organizou nunca nesta cidade", asegura o promotor no vídeo promocional do torneo.
Trátase dun campionato amigable no que participarán 16 equipos da contorna de Pontevedra que terán nas súas filas a grandes promesas do fútbol galego que militan en equipos da talla do Celta, o Deportivo ou o Pontevedra. A competición celebrarase o día 4 de abril nas instalacións deportivas da Xunqueira e desde a organización convidan a toda a cidadanía a que se achegue ao campo para presenciar o espectáculo e, de paso, realizar unha pequena achega á causa, para a cal instalarán huchas nas bancadas. Tamén os propios participantes achegarán o seu gran de area e aqueles que non poidan acudir, teñen a opción de realizar a súa doazón a través da Fila Cero, mediante estel número de conta (ES43 0049 6781 1329 1603 1265) ou o Bizum (06483).
A razón que levou a Domínguez, de só 17 anos, a emprender esta aventura foi a perda dos seus dous bisavós nun breve período de tempo. O pontevedrés sentiu a necesidade de facer algo para honrar a memoria dos seus familiares e dado que sempre lle gustou organizar actividades cos seus amigos e compañeiros non dubidou nin un segundo en facer realidade a súa idea.
Con todo, organizar un evento destas características non é sinxelo. Ademais dos seus amigos máis íntimos, contou coa colaboración dun dos principais clubs do fútbol base da cidade, ACD A Seca. Ademais outras empresas e institucións da cidade como Froiz, Pescamar, o Pontevedra ou o Concello colaboraron tamén para levar a cabo este proxecto.
Completar o cartel tampouco resultou difícil, de feito o éxito foi absoluto con máis de trinta peticións en poucas horas. Con todo, por cuestións organizativas tiveron que limitar a inscrición a 16 equipos, entre os que estará o Galenio Unión, do que forman parte Javi Domínguez, Santiago Landín, Alberto Martínez e Jaime Paniagua, os verdadeiros promotores deste campionato de fútbol solidario que dará o pistoletazo de inicio ás vacacións de Semana Santa.