O Poio roza a sorpresa na pista do campión pero cae na recta final (4-2) ante o Burela
Por Redacción
Era difícil, pero a punto estivo de converterse en realidade. O Poio rozou a sorpresa na pista do actual campión de liga e copa, o Burela FS, ao que fixo sufrir ata o último minuto antes de dobrar o xeonllo, nun partido trepidante no que as rapazas de Marcio Santos mandaron no marcador durante boa parte do choque, sendo superadas nos últimos dez minutos.
Forte ritmo de saída e igualdade absoluta entre ambos os dous equipos. O Poio adiantábase aos sete minutos por medio da súa capitá Charo ao aproveitar unha rápida contra, despois dun roubo de balón en campo contrario.
O equipo local non se encontraba cómodo ante a intensidade na presión das "rojillas", que ampliaban a diferenza e comezaban a soñar cunha posible sorpresa cando Ceci, a pase de Charo facía o segundo nun rápido contraataque.
Pero o sorprendente 0-2 fixo reaccionar ao Burela, que empezou a dominar o xogo. As lucenses puideron reducir diferenzas nun par de ocasións, pero Silvia e o longueiro, que repeleu un remate de Lidia, evitárono.
Non obstante a mesma Lidia conseguiría o seu obxectivo antes do descanso, ao rematar unha contra iniciada por Peque, nunha xogada que resultaría clave, pois tras a reanudación o Burela se sentiu máis seguro no seu xogo, logrando impoñer a súa teórica superioridade.
Aínda así o empate tardaría en chegar. Conseguiuno Peque, aos 26 minutos, tras un roubo de balón sobre Ceci, e a mesma Peque poñía por diante o Burela por primeira vez, a falta de oito minutos para o final, de novo tras unha rapida transición ofensiva.
Moi cargado de faltas, o Poio seguiu intentándoo, ata que a pouco máis dun minuto para a conclusión esas faltas rematarían coa sinalización dun dobre penalti, que aproveitaría Lidia, dende os dez metros, para sentenciar o resultado.
BURELA FS (4): Jozi; Peque, Lidia, Bea Mateos, Maite -cinco inicial-, Claudia e Lara.
POIO FS (2): Silvia; Kiko, Ceci, Claudia, Charo -cinco inicial- Yoly, Peke e Elena.
Árbitros: Borja Darriba Villamor e Jordi Villanueva Blanco (colexio de Lugo). Amoestaron a Maite, no Burela, e Kiko no Poio.
Goles: (0-1) Minuto 7: Charo. (0-2) Minuto 12: Ceci. (1-2) Minuto 15: Lidia. (2-2) Minuto 26: Peque. (3-2) Minuto 32: Peque. (4-2) Minuto 39: Lidia (dobre penalti).
Incidencias: Pavillón de Vista Alegre (Burela). Uns 750 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados do Poio. Antes de empezar o partido as xogadoras do Burela, Lidia, Peque e Jozi celebraron cos afeccionados locais as medallas conseguidas no recente campionato do Mundo no que España foi subcampiona tras Brasil, e no que tamén participou a xogadora do Poio, Ceci.