O tránsito granate do 4-2-3-1 ao 3-4-3
Por Manu Otero
Unha das conclusións que deixou o final da primeira volta en Pasarón é a capacidade do Pontevedra para empregar, en función do momento do partido ou do rival, distintos esquemas de xogo.
Ao longo do primeiro tramo de competición, ben obrigado polas baixas, ben por dar cabida aos mellores xogadores no once, Antonio Fernández foi mutando os seus sistemas desde o 4-1-4-1 da tempada pasada en Segunda Federación ao 3-4-3 que tanto empregou na súa etapa no San Roque de Lepe e que serviu para eliminar ao Tenerife e poñer contra as cordas ao Mallorca na Copa do Rei.
Comezou a tempada o Pontevedra cunha formulación moi similar á empregada na campaña anterior por Ángel Rodríguez. Con todo, o técnico galego deixou o seu selo desde o principio ao ordenar un dobre pivote, composto por Miguel Román e Yelko Pino, no que o vigués debía gardar máis a posición e axudar ao de Gondomar tanto en labores defensivos como na saída de balón sen descolgarse tanto en ataque como facía en Segunda Federación.
A disposición dos demais xogadores era xa coñecida no templo do Lérez. Unha defensa de catro con Soto e Churre no centro da zaga e dous laterais de longo percorrido, dous interiores, Brais Abelenda como enganche e Charles ou Rufo alternándose no posto de único dianteiro.
Con este sistema, que incluíu variantes puntuais en función do resultado reforzando o centro do campo cun pivote máis en momentos co marcador a favor ou a entrada de dous noves co tenteador en contra, disputou o Pontevedra as catorce primeiras xornadas.
Con todo, nalgún partido o técnico granate xa mostrou a súa tendencia cara aos tres centrais. Foi na visita ao Real Madrid Castilla, na que por momentos Miguel Román exercía máis como un terceiro central que como un pivote. Unha formulación similar viuse xa unhas semanas antes en Linarejos, coa formación como titulares dos centrais Soto, Churre e Luís.
O técnico galego deixou o seu selo desde o principio ao ordear un doble pivote, composto por Miguel Román e Yelko Pino
Con todo, os resultados non acompañaron e nin o sistema nin as súas variantes callaron. Ademais, a entrada no equipo de Borja Domínguez, que levou a Yelko Pino á suplencia en varias xornadas, obrigaba a Antonio Fernández a buscar a forma de encaixar no once aos dous mediocentros con mellor manexo de balón do plantel.
Así se implantou o 4-3-3 no equipo. A primeira vez que o Pontevedra saíu de inicio con este esquema foi na súa visita ao Arcángel tras o desastre previo en Pasarón fronte ao Racing de Ferrol. Con todo, a expulsión de Gudelj pola súa antideportiva entrada sobre Román, que lle provocou unha lesión no nocello, obrigou a cambiar o esquema de forma prematura para volver ao habitual 4-2-3-1.
Aínda así, as sensacións eran positivas e á semana seguinte, Antonio Fernández repetiu. En Pasarón fronte ao Majadahonda, o Pontevedra volveu ser dominador a pesar de que se lle escapou o triunfo nos últimos minutos de partido. Insistiu o técnico unha semana máis e, por fin, a vitoria chegou en Alxeciras.
A pesar da mellora, había unha peza que non funcionaba tan ben neste novo esquema. Brais Abelenda, caído á banda esquerda, perdía presenza tanto no xogo ofensivo do equipo como na faceta goleadora.
A chegada da Copa del Rey presentábase como o mellor escenario para facer probas e Antonio atreveuse a presentar o seu 3-4-3. Con dous carrileros moi ofensivos e dous extremos, o Pontevedra xeraba superioridades en ambas as bandas e en liña de tres cuartos que permitían tanto gañar a liña de fondo como tirar diagonais á interior da área. Nun primeiro tempo primoroso, o Tenerife viuse sorprendido e o Pontevedra encarrilou a eliminatoria cun once infestado de suplentes.
Co 3-4-3, con dous carrileros moi ofensivos e dous extremos, o Pontevedra xera superioridades en ambas as bandas
A tecla funcionara e, aproveitando o parón do Nadal, o corpo técnico aproveitou o tempo para perfeccionalo. Chegou o Mallorca a Pasarón, repetiu formulación Fernández Rivadulla e os de Javier Aguirre tiveron que sacar toda a súa pólvora para dobregar aos granates na prórroga.
O que funciona non se toca. Volvía a liga e ao Pontevedra tocáballe demostrar ese nivel contra un rival directo pola permanencia como o Badajoz. Nun Pasarón impracticable, o Pontevedra tratou de ser o mesmo que plantou cara a equipos de superior categoría cunha idéntica formulación. Con todo, volveu facer gala da súa fraxilidade en ambas as áreas, regalou dous goles, foi incapaz de transformar as súas chegadas en tantos e acabou cedendo os tres puntos.
Aínda había motivos para a esperanza, pero, como ocorría a principio de tempada, este novo esquema volve deixar fóra de xogo a Pino ou Borja Domínguez. Coas baixas que presentaba o equipo para visitar ao Unionistas, Fernández apostou por Domínguez como acompañante de Masogo (substituto dun enfermo Miguel Román) no dobre pivote, mentres que Pino foi trasladado á teórica demarcación de extremo dereito.
A engrenaxe non funcionou, aínda que na práctica Yelko exercía como interior deixando o carril para Oier, e no segundo tempo Antonio Fernández tivo que realizar varios cambios tácticos que tampouco serviron para contrarrestar un novo episodio de fraxilidade defensiva que afundiu novamente en postos de descenso aos granates.
Coa recuperación de efectivos, agardan no vestiario granate en poder aumentar o nivel competitivo. Confían os xogadores no sistema e nas diferentes variantes para facer dano aos rivais, pero está por ver cal é a formulación que presenta o preparador nado en Ourense na decisiva visita ao Linense.
Do que non hai dúbida é da capacidade dos granates para idear plans de partido que sorprendan ao rival. Agora só lles queda mellorar a súa efectividade para comezar a sumar de tres en tres.