Canto sabes sobre o Pontevedra CF? Ponte a proba co test do programa Fondo Norte
Por Redacción
Cres que sabes todo sobre o actual plantel do Pontevedra?, non se che escapa ningunha curiosidade nin estatística sobre o club granate?, es un experto na historia recente e antiga do equipo de Pasarón?. Se é así non perdas a oportunidade de demostralo no concurso de Kahoot deseñado polo programa Fondo Norte e estreado en directo no episodio 112 do pasado luns no que competiron máis de vinte afeccionados.
As preguntas, deseñadas principalmente polo colaborador do programa e xornalista Álex Davila, son do tipo verdadeiro ou falso, ordenar as opcións ou elixir a resposta correcta. O contido vira ao redor de cursiosidades sobre todos os integrantes do primeiro equipo, pero tamén sobre a actualidade e historia do club e mesmo sobre o programa Fondo Norte.
O test componse de 41 preguntas, número que coincide co ano de fundación da entidade de Pasarón, e unha vez completado, os participantes poderán comparar as súas marcas coas do resto de competidores.
Para participar, soamente hai que entrar nesta ligazón de Kahoot e seguir as instrucións da pantalla.
Fondo Norte é un programa sobre actualidade e entrevistas relacionadas co Pontevedra CF no que colaboran Manuel Quiroga, Pablo Cacheda, *Álex Davila e Manu Otero. Os catro son fieis seguidores do conxunto granate e, pola súa profesión, están estreitamente relacionados coa entidade de Pasarón pero tamén coas novas tecnoloxías, as redes sociais e os streamings.
Este programa, que naceu en formato podcast, virou pronto cara ao audiovisual aproveitando plataformas como Youtube ou Twitch. Desde fai tres tempadas, cada luns e venres os catro colaboradores analizan e opinan sobre todo o relacionado co Pontevedra cunha posta en escea que convida e anima a participar a todos os espectadores.
Este formato forma parte dun proxecto moito máis amplo de creación de contido relacionado co Pontevedra coñecido como PontevedraCF.net e deseñado fai máis dunha década por Manuel Quiroga.