Fede Bahón expresa o seu desexo de ser adestrador do Pontevedra
Por Manu Otero
Poucas veces un profesional do mundo do fútbol fala tan claro sobre as súas aspiracións. Fede Bahón, capitán do Pontevedra entre o 2003 e o 2006, quere ser adestrador do club de Pasarón. Deixouno claro este luns durante a súa participación no podcast Fondo Norte, de PontevedraCF.net, no que participou para recordar o partido do 2004 entre o conxunto granate e o Lorca que volveu emitir a Televisión de Galicia a pasada fin de semana e que supuxo o ascenso do Pontevedra a Segunda División despois de 28 anos sen pisar esa categoría.
"A xente tenme agarimo e é normal que me pregunten, igual que a min gustaríame verme de adestrador alí. Gustaríame ir, igual agora non é o momento, pero haberá un momento. Non sabemos cando chegará", declarou o exxogador en resposta á pregunta dun espectador que se ofrecía a buscarlle casa na cidade. "Teño casa en Pontevedra, téñoa alugada, pero coma se teño que pedir aos inquilinos de quedarme na miña casa", chanceou Bahón, quen preferiu non confirmar se se produciron negociacións entre ambas as partes esta tempada, aínda que si o admitiu de forma velada. "Lede entre liñas", dixo.
Aínda que está a pasar a corentena na súa casa de Madrid, o cántabro ten contrato co RCD Espanyol para o que exerce de director deportivo nunha das academias que o club barcelonés ten en China. "Dou as grazas ao Espanyol por darme esta oportunidade, ser director deportivo gústame, é algo que nunca fixera. Pero si que é verdade que me gustaría ser adestrador". E a idea de volver sentar no banco de Pasarón sedúcelle. "Oxalá poida volver nalgún momento, encantaríame, non o vou a negar".
O vínculo que lle une coa casa granate nunca rompeu a pesar de deixar o club ao concluír a tempada 2005/06. Adoita visitar a cidade do Lérez varias veces ao ano e cada vez que ten oportunidade acode a ver ao equipo do seu corazón en directo. A última tivo lugar este mesmo ano no Cerro do Espino, onde presenciou o empate dos granates co filial do Atlético de Madrid.
Neste partido atopouse por por primeira vez cun dos baluartes defensivos do actual Pontevedra. "Churre veu saudarme e estiven a falar un intre con el", confesou antes de desfacerse en eloxios cara ao central, co que sente identificado. "A xerarquía non se gaña por falar, hai que demostralo no campo", puntualiza Bahón destacando o rendemento do defensor marinense, ademais do seu carácter no campo e vestiario.
A capacidade de liderado de Edu Sousa tamén a quixo destacar o excapitán ao ser cuestionado sobre a falta de capacidade de mando nos persoais posteriores ás súas.
Pero no que máis fincapé fixo foi na súa boa sintonía coa actual directiva do Pontevedra. "Con Rober (Feáns) teño boa relación e falo con el", puntualizou antes de explicar a importancia que ten para el que exista unha boa relación persoal e de traballo entre o adestrador e o director deportivo.
E se o entendemento é bo co reponsable da parcela deportiva, a relación é aínda mellor coa presidenta, Lupe Murillo. "O ascenso do 2004 tamén é seu, ela era vicepresidenta", comezou lembrando Fede. "Vouna defender a matar porque sei o que fixo polo club e onde podería estar o club. Ela vive o fútbol dunha maneira especial que non a vive ningún outro dirixente en España", destacou o exxogador.
É precisamente esa paixón á que facía alusión o excapitán e o carácter de líder que exhibía Fede no vestiario a que leva a preguntarse como sería esa posible relación laboral entre ambos. "Eu podo ser un adestrador como era no campo. Teriamos que ter reunións para ver como solucionariamos iso. Teriamos que chegar a unha solución polo ben común do equipo. Ela respectaría o meu e eu o dela", asegurou o técnico, ao que tampouco lle asusta a presión de regresar a Pasarón coa bitola de ídolo. "A min gustábanme os partidos como o do Lorca", respondeu para ilustrar o cómodo que sente traballando baixo presión.
Para despedirse, Fede Bahón lanzou unha mensaxe de unidade en alusión a algúns rozamentos entre un sector da afección e a directiva. "Oxalá puidese o Pontevedra estar arriba, que houbesen moitos máis afeccionados, que se metan máis co equipo, co corpo técnico, con Rober, con Lupe... Se hai algún problema que se solucione. Todos miramos polo mesmo e oxalá o Pontevedra poida estar pronto en Segunda División", rematou.
Relacionadas:
-
Canto sabes sobre o Pontevedra CF? Ponte a proba co test do programa Fondo Norte
Por Redacción |
-
O Pontevedra pide a cancelación da competición "para todos" ao ver "inxusta" a proposta de permitir ascensos
Por Diego Espiño |
-
A afección do Pontevedra 'revive' o ascenso a Segunda de 2004
Por Diego Espiño |
-
Javier Pacheco, gañador do primeiro torneo FIFA 20 organizado por PontevedraCF.net
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
Pouso despídese do plantel do Pontevedra e Jesús Ramos toma o mando
Por Diego Espiño |