Os vándalos non descansan nin polo Nadal e atacan de novo as instalacións da EP Ciudad de Pontevedra nas Corvaceiras
Por Redacción
A directiva da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra denuncia un novo acto vandálico nas súas instalacións do peirao das Corvaceiras. "O día 25 achegámonos ás instalacións para realizar o adestramento e decatámonos de que faltaba unha das nosas embarcacións dragon boat", explican desde o club.
Trátase dun barco de grandes dimensións cun aforo para as 22 persoas, unha lonxitude de 11 metros e 250 quilos de peso. "Non nolo criamos, fora lanzada ao río Lérez, pero sen rastro dela", engaden os directivos, que por un momento chegaron a pensar que lla esqueceron en Verducido.
Descartada esa opción, os traballadores realizaron varias batidas ata a contorna da illa de Tambo sen dar co bote. Finalmente, unha chamada dun dos monitores do Club Pádel Surf de Aguete serviu para resolver o misterio. O dragon boat atopábase varado na praia do Laño, na parroquia poiense de Samieira, a uns 9 quilómetros da base do EPCP.
Non é a primeira vez que ocorre algo así por estas datas. "En fin de ano do 2021 tivemos que buscar unha das nosas embarcacións á altura do Club Naval", lamentan.
Por iso, reiteran a súa petición ás autoridades para que tomen "medidas contundentes e eficaces para controlar o que acontece no peirao das Corvaceiras". Reclaman que se instalen peches ou poñan vixilancia porque "que está a pagar todos os danos sempre é o noso club", protestan.
Relacionadas:
-
A EP Ciudad de Pontevedra, campioa da primeira Copa de España de Barco Dragón
Por Redacción |
-
Identificados varios autores de ataques vandálicos á exposición Pontevedra Flúe
Por Redacción |
-
Buscan aos autores dos roubos e danos na iluminación do Nadal en Samieira
Por Redacción |
-
Libélulas, mulleres que fan equipo contra o cancro de mama
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A EP Ciudad de Pontevedra denuncia un novo episodio vandálico soltando e deixando á deriva unha das súas embarcacións neumáticas
Por Diego Espiño |