O Peixe Galego, a confirmar o seu bo momento ante o CB Prat
Por Redacción
A Raña despídese este sábado (19:30 horas) da liga Adecco Plata de baloncesto ata o próximo ano cun interesante partido entre Peixe Galego e Club Baloncesto Prat.
Despois do brillante triunfo en Palma, o conxunto marinense busca outra vitoria que lle asente na zona media-alta da clasificación e empatar así co que será o seu rival, un equipo catalán que é filial do Joventut de Badalona de Liga ACB.
Non o terán doado os de Javi Llorente, pois deberán frear homes de calidade como o pivote montenegrino Nikolic, Joonas Caven, Agustí Sans ou o galego Alberto Abalde.
Tras este partido o Peixe Galego non volverá xogar na Raña ata o 4 de xaneiro, ante o CEBA Guadalajara.
En busca dun bo ambiente nas bancadas a directiva 'peixe' organizou para a previa do encontro e descanso unha serie de xogos, concursos e sorteos nos que os protagonistas serán os afeccionados marinenses.