O Peixe Galego cae (65-75) ante o CB Prat nun partido que pelexou ata o final
Por Redacción
Non puido brindar o Marín Peixe Galego a vitoria á súa afección no último partido do ano na Raña. En todo caso, non era unha empresa fácil. Visitaba o pabellón marinense un dos equipos favoritos ao ascenso, o CB Prat, filial do Joventut de Badalona de Liga ACB. E aínda que comezaron ben as cousas para o conxunto local, pronto os cataláns impuxeron a súa categoría e terminaron vencendo por 65-75.
Co apoio constante da afección, o Peixe Galego comezaba o partido cun espectacular parcial de 9-0 de saída, que sorprendeu ao seu rival. Especialmente motivado parecía estar Albert Homs, moi activo tanto en ataque como en defensa ante os seus compañeiros ata hai uns meses. Nin sequera o acerto nos triplos de Caven, o mellor tirador de tres da liga, lograba impedir que os marinenses se puxeran 23-13 ao remate do primeiro cuarto.
Apoiado polo veterano Lucho Fernández, Homs seguiu liderando ao equipo local nos instantes iniciais do segundo cuarto, pero os cataláns, malia mostrar certo despiste sobre a cancha, lograron remontar a desvantaxe grazas á gran actuación de Nogués. Freando as acometidas do Peixe Galego, o CB Prat foise ao descanso tras conseguir que o electrónico reflectira un empate a 35.
A igualdade mantívose ata que, a metade do terceiro cuarto, os visitantes apertaron o acelerador. Un parcial de 3-9 deixáballes en franca vantaxe (47-56) de cara ao último cuarto. Aínda así o Peixe Galego non baixou os brazos e un triplo de DiRugeris mantiña vivas as esperanzas locais ao reducir a catro puntos a desvantaxe (57-61) a cinco minutos do final. Pero a partir de aí, a intensidade e oficio do CB Prat permitiulles certificar o seu triunfo.
Con este resultado, o Marín Peixe Galego descende ata a sétima praza da clasificación. Suma cinco vitorias e outras tantas derrotas. Ademais de perder o partido, o peor para o equipo local foi a lesión de Al Rapier, que tivo que abandonar a cancha no segundo cuarto. Polo momento descoñécese a gravidade do seu estado.
MARÍN PEIXE GALEGO (65): Manuel Ferreiro, Aramburu (4), Albert Homs (15), Al Rapier (6), Dirugeris (13) -cinco inicial- Darío Suárez (11), Luis González (3), Lucho Fernández (5), Gregorio Adón (8).
CB PRAT (75): Álex Ros (7), Frederic Guallar, Víctor Serrano (14), Agustín Sans (5), Joonas Caven (12) -cinco inicial- Aboubacar (2), Alberto Abalde (10), Roger Vilanova (7), Gerard Gomila, David Iriarte (14), Nacho Nogues (4).
Árbitros: Pazos Pazos e González Zumajo. Eliminaron por faltas a Gregorio Adón polo equipo local.
Parciais: 23-13, 12-22, 12-21, 18-19.
Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada da Adecco Plata, disputado no Pavillón da Raña.