Lupe Murillo pon voz ao sentir do Pontevedra pola perda de Neme: "Deixou pegada nesta cidade"
Por Diego Espiño
O falecemento de Nemesio Martín Montejo 'Neme' aos 82 anos en Salamanca foi recibido en Pontevedra cunha profunda pena. Non en balde tratábase dunha das lendas da época dourada do Pontevedra Club de Fútbol, no que foi xogador durante 8 tempadas ademais de adestrador posteriormente.
Neme segue sendo o único futbolista que vestindo a camiseta granate chegou a ser convocado pola Selección Española Absoluta, un fito lembrado este venres pola presidenta da entidade deportiva pontevedresa, Lupe Murillo.
"Ademais de ser unha institución para o club, internacional co Pontevedra con todo o que iso conleva, Neme ademais era unha persoa que calou en Pontevedra", recoñeceu a dirixente.
"Eu coñézoo desde pequeniña, porque era amigo do meu pai. Neme foi desas persoas que se integrou na cidade e deixou moitos amigos aquí", engadiu Murillo defendendo que "ademais de ser un gran xogador, un xogador moi importante para o noso club, foi unha gran persoa que deixou pegada nesta cidade".
A presidenta valorou con pesar que os xogadores históricos da etapa dourada do Pontevedra "vánsenos indo", desexando que "oxalá nalgunha época da nosa vida, un pouco máis adiante teñamos outra xeración de xogadores dese perfil, que eran grandes xogadores á vez que grandes persoas".
Segundo revelou Lupe Murillo o Consello de Administración que preside valorará a opción de realizar unha homenaxe á figura de Neme na próxima xornada que o equipo granate xogue en Pasarón.
Relacionadas:
-
Lupe Murillo: "As contas tras a pandemia rompen o ciclo de superávit que trae este Consello de Administración"
Por Diego Espiño |
-
O Manresa de Segunda RFEF, rival do Pontevedra na primeira rolda da Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Falece Neme, lenda do 'Hai que roelo' e único internacional español absoluto na historia do Pontevedra
Por Diego Espiño |