Os erros en ataque condenan ao Teucro (27-30) ante un Academia Octavio que fixo valer a súa maior experiencia
Por Ramiro Espiño
O peor partido, ou mellor dito, a peor primeira parte no momento menos desexado. O Teucro afrontaba o derby fronte ao Octavio coa posibilidade de afastar considerablemente o seu veciño na clasificación, pero púidolle a presión ata facelo cometer graves e reiterados erros nas accións de ataque que o condenaron.
A veteranía viguesa puido coa xuventude e inexperiencia local, ata o punto de levar o conxunto azul a cometer máis erros en só a primeira parte que en partidos anteriores na totalidade do choque. Abonde dicir como mostra que o Teucro dispuxo nos primeiros 30 minutos de xogo de ata catro superioriodades numéricas sobre a pista e non conseguiu obter vantaxe en ningunha delas. Mesmo foi o Academia Octavio quen gañou tres desas catro fases nas que estivo cun xogador menos en pista.
Os comezos foron igualados, pero pouco durou esa igualdade. Do 2-1 favorable ao Teucro, que sería a última vez que os teucristas estiveran por diante, pasouse ao 2-5. Un parcial de 0-4 que obriga a Javier Barrios a pedir o seu primeiro tempo morto, con pouco máis de sete minutos disputados. O Teucro reacciona e consegue neutralizar a vantaxe viguesa, devolvendo a igualdade ao luminoso.
Pero entre o minuto 20 e 25 de partido chega unha auténtica focha de xogo, que remataría por encarrilar o partido en favor do cadro vigués. Cinco erros consecutivos en ataque do equipo local e o Octavio abre brecha cun parcial favorable de 0-5, logrando a máxima diferenza (9-14), a falta de pouco máis de cinco minutos para o descanso.
Barrios volve parar o partido cun tempo morto, que nesta ocasión non dá resultado. Os nervios e as precipitacións levan a continuas perdas de balón, que o Octavio non desaproveita en rápidos contraataques, para marchar cunha cómoda vantaxe de seis goles ao vestiario.
A volta á pista ofrece a un Teucro máis intenso en defensa, que consegue reducir diferenzas para poñerse a só tres goles do seu rival. Pero de novo volven as perdas de balón en ataque. O mesmo que as superioridades numéricas, nas que novamente o Octavio, cun xogador menos, consegue parciais favorables.
David García Pichel falla un penalti, por intentar unha vaselina, que significaba achegarse a só dous goles, mediado o segundo período. Pero a defensa arránxao e Víctor Rodríguez fai que a bancada empece a crer que a remontada é posible. E máis cando Carlos García, sempre na súa liña de pouta e efectividade, logra o 22-23.
Quique Domínguez, ata entón moi tranquilo, vese obrigado a pedir tempo morto, pero o seu equipo volve perder o balón e Miguel Sío falla un contraataque para poñer o empate. Fran González desatasca o seu equipo con tres goles consecutivos.
Os teucristas reaccionaron na segunda parte pero reincidiron nos erros de ataque desaproveitando dúas ocasións para empatar
Gonzalo Carro sofre a terceira exclusión, sendo descualificado. E o Teucro gaña, por fin, un parcial en superioridade (sería o único durante todo o partido), o que lle permite poñerse de novo a un gol (25-26), a falta de 7'30". Pero non o aproveita. Tres novas perdas en ataque dan un respiro ao Octavio que sentencia cun estirón definitivo (25-28).
Con menos de cinco minutos por diante Javier Barrios pide tempo morto para buscar solucións. Miguel Porto reduce diferenzas e Quique Domínguez para o partido, para evitar maiores problemas. Quedaban 3'26". Barrios ordena unha dobre mixta e o Teucro rouba o balón, pero regálao nun novo erro inxenuo en ataque.
Rematábase o partido coas mesmas circunstancias coas que se inclinara do lado vigués no primeiro tempo, e cunha diferenza que tantas veces deu triunfos aos teucristas, e é que mentres nos momentos claves Jorge García e especialmente Pablo Galán, foron decisivos baixo os paus visitantes, nesta ocasión Juan Bar non estivo á súa altura habitual.
S.D. TEUCRO (27): Juan Bar; David Chapela (1), Miguel Porto (2), Tomás Moreira (4), Víctor Rodríguez (3), Carlos García (9, 2 de penalti), Miguel Sío (1) -sete inicial-, Dani Cadilla (p.s.), Marcos Dorado (1), Carlos Pombo, David García Pichel (3, 2 de penalti), Iván Fernández, César Armán (1) e Borja Pedreira (2).
ACADEMIA OCTAVIO (30): Jorge García; Alberto Casares (3, 1 de penalti), Germán Hermida (4), Gonzalo Carro, Javier Fernández (8, 1 de penalti), Marcos González, Daniel Hernández (6) - sete inicial-, Pablo Galán (p.s.), Pablo Lorenzo (1), Manuel Martínez (1), Víctor León, Fran González (7, 2 de penalti) e Antón Giráldez.
Árbitros: Martín Rodríguez Mondelo e Daniel Portela Fernández (colexio galego). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (2), Borja Pedreira e Víctor Rodríguez, polo Teucro, e a Gonzalo Carro (3, descualificado a falta de 8'41"), Daniel Hernández (3, descualificado a falta de 5"), Manuel Martínez e Javier Fernández, polo Academia Octavio.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 4-5, 6-6, 8-8, 9-14, 11-17 (descanso), 14-18, 17-21, 20-23, 24-26, 25-27 e 27-30 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores. Gardouse un emotivo minuto de silencio en memoria da ex-directiva do Teucro, Elisa García, falecida esta mesma semana.