Pontevedra acollerá en marzo o Campionato de España de Baile Deportivo Standard
Por Redacción
Pontevedra acollerá o Campionato de España de Baile Standard en marzo de 2023 tal e como anunciou este venres o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. A presentación coincidiu coa sinatura dun protocolo de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Federación Española de Baile Deportivo, nun acto no que tamén estivo o presidente do ente federativo, Luis Vañó, e os bailaríns e coreógrafos Adrián Esperón e Noemi Abal, da escola de danza PonteBaile.
Para Tino Fernández fue un "día importante para o deporte de Pontevedra" con motivo da asinación deste protocolo, que supón "unha declaración de intencións por ámbalas partes de cara a sondear as posibilidades de manter unha colaboración continuada no futuro", e agarda que a Boa Vila, sexa "referente no mundo do baile deportivo de aquí a uns anos"
O edil de deportes márcase o obxectivo de analizar eventos que se poidan celebrar en Pontevedra para que a Federación dispoña dela. "Pontevedra ten xa un prestixio importante en materia de organización de grandes eventos, a Federación de Baile Deportivo está en crecemento e a nós interésanos moito esta colaboración porque o baile ten un carácter transversal, ao poder ser practicado por persoas mozas e non tan mozas, o que axuda a fomentar o deporte en idades nas que custa un pouco", engadiu.
Dentro da negociación acordada este venres, anunciaron que na última semana de marzo de 2023 celebrarase en Pontevedra o Campionato de España de Baile Deportivo Standard, o que será "o primeiro evento dos moitos que agardamos organizar coa Federación Española, terá moita importancia e atraerá a moita xente". A intención do tenente de alcalde é que o campionato se poida celebrar no Pavillón dos Deportes e no Pazo da Cultura.
Pola súa banda, Luis Vañó recoñeceu o "esforzo impresionante" que fan os deportistas "durante toda a tempada para desprazarse ás competicións en todo o territorio español, e tamén polo feito de que esta comunidade conta cun bailarín como Adrián Esperón, que foi 14 veces campión de España e que dirixe aquí en Pontevedra un club que forma parte da Federación, PonteBaile, que será o noso apoio para darlle a imaxe a este Campionato de España".
A intención da Federación durante a celebración deste campionato é dar visibilidade a máis especialidades dentro do baile, desde o máis urbano, co breaking ao hip hop, ao mundo máis estilizado, que sería o dos bailes standard.
"Queremos que seis das dez especialidades da Federación estean representadas neste Campionato, no que calculamos que participarán non menos de 1.700 deportistas". "Encheremos Pontevedra e desfrutaremos. Para nós é unha ledicia regresar aquí. Hai moitos anos tivemos unha primeira experiencia, pero, tendo en conta a posición que ten a Federación agora mesmo, o produto que podemos ofrecer á cidade é de moita calidade", concluíu Luis Vañó.