Xornada de celebración para o deporte pontevedrés na Gala Provincial do Deporte
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra converteuse este xoves nun lugar de homenaxe para o deporte pontevedrés con motivo da Gala Provincial do Deporte.
O evento, no que se recoñecían os éxitos conseguidos polos deportistas ao longo de 2022, contou cunha presentadora de excepción, a piragüista olímpica Antía Jácome, acompañada do xornalista Terio Carrera.
"Sodes un orgullo e temos moito que agradecervos por ser quen de levar, con todo o talentazo que tedes, o noso nome, o da provincia, o de todas e todos nós, polo mundo enteiro", defendeu na gala a presidenta provincial, Carmela Silva, sobre os 271 deportistas de preto de corenta disciplinas diferentes premiados neste 2022 coas bolsas de Alto Nivel, Alto Nivel + para deportistas con discapacidade e coas bolsas Promesa da Deputación.
Entre os deportistas que participaron na gala atopábanse Jaime Duro (campión do mundo de piragüismo maratón), Ainhoa Reparaz (campioa de España de atletismo), Manu Garrido (campión do mundo de maratón de piragüismo), Lydia Pérez (loitadora que foi bronce nos Xogos do Mediterráneo), Melania Rodríguez (ouro no campionato do mundo de ximnasia trampolín), Alfonso Riqueza (tricampión de España de kickboxing), Diego Romero (campión do mundo de maratón curto de piragüismo) ou Sara Cortegoso (quinta do mundo de taekwondo).
Ademais interviñeron a presidenta da Sociedad Gimnástica de Atletismo, Charo Castro, o presidente do Atlético Guardés, Jesús López, unha representante de Deportes de Inverno, Mónica Touriño, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, xunto a tres irmáns (Iria, Uxía e Roi Rodríguez Huerta) que comparten o fito de alcanzar unha bolsa deportiva provincial.
A Gala Provincial do Deporte contou coa actuación musical de Sabela Rey e Benjamín Vázquez e cunha exhibición de taekwondo a cargo de deportistas do club Mace-Sport de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O deporte pontevedrés, "un piar estratéxico para o turismo e o benestar social"
Por Redacción |
-
Tono Campos pasa a formar parte da lista máis numerosa de deportistas de alto nivel da historia de Galicia
Por Redacción |
-
Pontevedra será capital da ximnasia española durante a segunda quincena de xuño
Por Almu Dapena |
-
A Deputación crea a categoría A+ nas súas axudas a deportistas de alto nivel para dar protagonismo aos atletas con discapacidade
Por Redacción |
-
A Deputación reparte medio millón entre 51 clubs de deporte náutico da provincia
Por Redacción |