O tenis de mesa pontevedrés fai historia coa disputa do primeiro derbi local na División de Honor
Por Redacción
A canteira do tenis de mesa pontevedrés é inesgotable. O equipo de Monte Porreiro xa contaba con dous equipos sénior masculino e feminino na categoría máis alta e no segundo banzo competitivo do país respectivamente.
Esta tempada deron un paso máis e, para dar saída a todo o talento que tiña entre as súas filas, o club colaborou na creación dunha nova escuadra feminina, o Tenis de Mesa Pontevedra, que este ano comezou a competir en División de Honra, a segunda categoría do tenis de mesa nacional.
A competición non puido empezar dunha forma máis especial, pois o calendario deparou na primeira xornada o primeiro derbi pontevedrés da historia. A vitoria levoulla o club recentemente creado sobre o Visit Pontevedra por 2 a 4, pero o resultado é o de menos.
"Foi un día fantástico, un partido súperbonito porque fixemos unha presentación moi chula, cos presidentes dos dous clubs do deporte feminino e no que as xogadoras saíron coas nenas pequenas do club da man á cancha. Ademais fixemos un torneo amigable con menores que viñeron de Narón, Meaño e Vigo. Quedou moi bonito", expresa aínda emocionado Nando Álvarez, directivo do TM Monte Porreiro.
No plano estritamente deportivo, o duelo saldouse con vitoria das debutantes na categoría. Judith Cobas venceu a Noelia Santiago nun moi igualado primeiro encontro da mañá para adiantar ás visitantes, igualou a contenda Claudia María Canay para o TM Monte Porreiro cun cómodo triunfo sobre Mariña García.
Con todo, as vitorias de Laura Fortes e Judith Cobas sobre Noa Bernárdez e Claudia María Canay puxeron en cómoda vantaxe ás debutantes. Recortou distancias Noelia Santiago derrotando a Laura Forte, pero o TM Pontevedra certifcou a súa vitoria cun triunfo no duelo decisivo entre Mariña García e Noa Bernárdez, que se decantou do lado da primeira por un axustado 3-2 en xogos.
Relacionadas:
-
O TM Monte Porreiro encaixa en Irún a súa terceira derrota da tempada
Por Redacción |
-
O TM Monte Porreiro supera con contundencia o TM Parla (4-0)
Por Redacción |
-
O Monte Porreiro non pode co Borges na terceira xornada da Superdivisión
Por Redacción |
-
Primeiro triunfo da tempada para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión Masculina
Por Redacción |
-
Accidentado inicio de liga para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina
Por Diego Espiño |
-
O TM Monte Porreiro conclúe unha tempada histórica con tres platas e tres bronces no Campionato de España
Por Almu Dapena |