O TM Monte Porreiro conclúe unha tempada histórica con tres platas e tres bronces no Campionato de España
Por Almu Dapena
O Tenis de Mesa Monte Porreiro segue facendo historia para o deporte pontevedrés con tres pratas e tres bronces nos Campionatos de España 2022 que se celebraron durante esta semana en Cartaxena, Murcia.
O equipo feminino sub23 estivo moi preto de proclamarse campión de España pero tivo que conformarse coa segunda posición tras caer no partido decisivo contra o Boadilla Teresa Berganza B.
Pero antes de chegar á final, as sub23 de Nando Álvarez tiveron que facerse coa primeira praza do Grupo 1, onde conseguiron pleno de triunfos gañando os duelos ante Tatchepol Ripollet B e o Lega Rivas, obtendo así o pase á seguinte rolda do campionato. Alí superaron ao Tramuntana Figueres por un axustado 3-2 que lles deu o billete á semifinal, na que gañaron 3-0 ao CTM Xerez.
Xa na final, o TM Monte Porreiro pelexou con uñas e dentes por conseguir a medalla de ouro, disputando xogos do todo igualados que se decidiron por pequenos detalles. Púxose o marcador en contra 0-2 polas derrotas de Claudia Canay e Judith Cobas, pero en dobres, Canay e Noelia Santiago repuxéronse do golpe inicial para reducir distancias e axustar o duelo.
Con todo, Canay non puido superar á súa rival María Cifuentes no cuarto enfrontamento e cedeu un 1-3 que deixou ás de Pontevedra co mel nos beizos aínda que cunha medalla de prata no seu botín particular, o que supón o mellor resultado en toda a historia do equipo.
Pola súa banda, Claudia Canay e Noelia Santiago tamén se proclamaron subcampioas de España en dobres feminino tras caer na final contra Mireia Cifuentes e Mariña Ñíguez.
Superaron antes diso ás andaluzas Irene e Lorena Gómez-Vázquez; á dupla formada pola balear Lucía de la Riva e á madrileña Ana de la Mata; e ás súas compañeiras Judith Cobas e Ana María Vertiz na semifinal, pero non foron capaces de superar a Cifuentes e Ñíguez do Boadilla.
O equipo infantil feminino formado polas infantís Mariña García e Laura Forte tamén quedou ás portas do ouro despois de ir gañando o xeneral nas semifinais por 2-1 contra o Club Mar da Coruña, pero finalmente perderon 3-2 e tivéronse que conformar coa medalla de prata.
Finalmente, as medallas de bronce foron en dobres sub23 para Judith Cobas coa xogadora andaluza Ana María Vertiz do Torrelavega; para o equipo infantil feminino formado por Mariña García e Laura Forte, e para Laura Forte en individual feminino, que caeu na semifinal contra a que se proclamou campioa de España, Julia Martín.
Con estes resultados, o Tenis de Mesa Monte Porreiro pon o broche de ouro a unha tempada histórica que conclúe con tres subcampionatos de España e tres bronces.
Relacionadas:
-
O tenis de mesa pontevedrés fai historia coa disputa do primeiro derbi local na División de Honor
Por Redacción |
-
Accidentado inicio de liga para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina
Por Diego Espiño |
-
O Concello inicia co Tenis de Mesa Monte Porreiro "unha recua de recepcións que temos pendentes"
Por Redacción |
-
Judith Cobas roza o triunfo no Spain Masters de tenis de mesa
Por Redacción |
-
Máis de dous millóns de euros para converter o pavillón de Monte Porreiro na casa do tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
O TM Monte Porreiro perde ante o Sant Cugat e despídese do ascenso (4-0)
Por Almu Dapena |