Derbi co Octavio e Copa ante Granollers, o Teucro ante a súa semana grande
Por Diego Espiño
Semana grande para o balonmán pontevedrés e especialmente para un Teucro repleto de moral logo da traxectoria que lle levou a ocupar o segundo posto na División de Honor Prata e meterse nos oitavos de final da Copa do Rei.
En só catro días os azuis afrontarán un esperado derbi ante o Octavio en liga (sábado 20:00 horas) e o encontro de Copa ante o Granollers (mércores 11 ás 20:45), dous encontros que fixeron crecer a expectación a beiras do río Lérez.
Tres tempadas despois o Teucro recibirá no Municipal ao seu rival máis próximo, o conxunto vigués do Academia Octavio, coa intención de repetir os precedentes máis próximos, dúas vitorias na 2010-2011 en División de Honor Prata (32-31) e en 2008-2009 en Asobal (28-26).
Agora os azuis, que marchan segundos, queren distanciar a un rival que busca o ascenso de categoría a final de tempada.
Os vigueses, sextos a tres puntos dos pontevedreses, acusaron baixas importantes no primeiro tramo de competición (non poderán contar o sábado con Cerillo, Arkaitz Vargas e Pablo Chantada), aínda que recuperaron recentemente a Fran González.
Ante o Octavio gardarase un minuto de silencio pola ex-directiva e afeccionada Elisa García
Pola súa banda Javier Barrios conta con todo o plantel á súa disposición para o dobre enfrontamento salvo Álex Pombo, con problemas no xeonllo.
O partido, ademais de pola rivalidad, será especial na familia teucrista polo recente falecemento da ex-directiva Elisa García. O club decidiu gardar un minuto de silencio na súa memoria antes do inicio do choque, mentres os xogadores saltarán á pista con brazaletes negros por expreso desexo do propio plantel, moi motivado para intentar dedicarlle unha vitoria.
Malia a coincidencia de hora co partido de Copa do Rei de Fútbol entre Celta e Athletic Club, desde Pontevedra espérase que un bo número de afeccionados vigueses acuda ao encontro, cuxa entrada manterá o prezo habitual, 12 euros.
CARLOS GARCÍA-ALÿN ESPERA "UN LLENAZO" NA COPA
Aínda que dende a parcela deportiva non se quere distraer o máis mínimo a atención do derbi, o Teucro traballa sen descanso para lograr que o Municipal se envorque co equipo no partido do Copa do Rei.
Segundo tralada o presidente azul, Carlos García-Alén, "creo que vamos a tener un llenazo de impresión", un obxectivo que se converte en dobre coa presenza confirmada ao partido do presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, ao que o dirixente lle quere mostrar "lo que se perdió al llevar el partido de la Selección Española a León"