Teucro e Octavio enfróntanse no Municipal nun derbi de emocións fortes
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes vístese este sábado de gala para vivir, tres tempadas despois, un enfrontamento de rivalidade entre Sociedad Deportiva Teucro e Academia Octavio (20:00 horas).
A pesar da proximidade do encontro de Copa do Rei, o próximo mércores 11 ante o Granollers, Javier Barrios non quere distraccións para intentar manterse nos postos altos da clasificación e de paso distanciar a un equipo chamado a pelexar polo ascenso.
Se consegue gañar ao conxunto vigués, o Teucro, que está empatado co Alcobendas na segunda praza, poñería cinco puntos de vantaxe co Octavio.
Por iso Barrios insistiu aos seus ao entender "que cada punto cuesta mucho trabajo conseguirlo y no nos podemos permitir pensar en otra cosa".
Ademais de facer unha chamada á afección o técnico azul asegura que "como en todos los partidos saldremos a por todas" sen pensar en que se trata dun derbi, pois "son sólo dos puntos más".
Barrios, que contará coa baixa de Álex Pombo por unha tendinite no seu xeonllo, avisa da dificultade do Octavio, un bloque que ten "una buena mezcla de veteranía y juventud".
A parella arbitral designada para o encontro é a composta polos galegos Rodríguez Mondelo e Portela Fernández.