Multan á organización da Volta Ciclista a Galicia por cortar antes de tempo o acceso cara ao Mosteiro de Poio
Por Diego Espiño
No deportivo o paso da Volta Ciclista a Galicia por Poio, coa primeira das súas catro etapas e unha sentida homenaxe á figura de Magín Froiz, resultou sobresaliente, pero a xornada contou tamén cun feito que chamou a atención.
A Policía Local de Poio cursou unha multa á empresa Emesports, encargada da loxística da proba deportiva amparada pola Federación Galega de Ciclismo, por presuntamente cortar antes de tempo a rúa de subida cara ao Mosteiro e Concello de Poio.
A colocación de valos que impedían a circulación, debido á montaxe da zona de meta e podio da etapa, levouse a cabo á primeira hora da mañá, imposibilitando o paso dun autobús escolar.
Debido a iso a Policía Local acabou cursando unha sanción administrativa por valor de 3.000 euros.
Preguntado respecto diso a concelleira de Deportes, Marga Caldas, defendeu que se tratou de "unha situación puntaul que non afectou ao desenvolvemento da proba e entendemos que non debe empañar o que foi unha gran xornada de deporte, na que se respirou ciclismo durante todo o día e na que saíron á rúa veciñanza, clubs e tecido escolar a gozar e animar ao pelotón".
En canto aos prexuízos ocasionados "foron resoltos no momento para garantir a seguridade, grazas á coordinación existente entre o Concello e a Federación", confirmou a PontevedraViva a edil.
Relacionadas:
-
Alexander White leva en Poio unha emotiva primeira etapa da Volta Galicia con homenaxe a Magín Froiz
Por Diego Espiño |
-
Así afectará o tráfico a primeira etapa da Volta ciclista a Galicia con inicio e final en Poio
Por Redacción |
-
A Volta a Galicia parte este ano desde Poio nunha homenaxe a Magín Froiz
Por Manu Otero |