As pistas de petanca de Monte Porreiro estréanse coa disputa da Copa Pontevedra
Por Manu Otero
As pistas de petanca da Praza de Europa de Monte Porreiro inauguraranse este sábado coa celebración da final da Copa Pontevedra. Unha cita prevista para as 16 horas na que participarán catro equipos e que servirá para poñer como colofón á tempada 2021/2022 e como antesala do inicio da nova tempada, que arrincará o 1 de outubro.
"A petanca experimentou un crecemento espectacular en Pontevedra, era un deporte descoñecido", destacou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación do campionato. Foi esta explosión a que levou ao Concello a ampliar a rede de campos de xogo, que coa construción do últimas nove pistas sitúase xa nun total de 26 pistas repartidas por todo o territorio municipal.
"Onde se monta un campo enseguida aparece xente disposta a practicar", engadiu o edil socialista, moi satisfeito coa acollida e coa repercusión que ten esta disciplina á hora de facilitar a mobilidade e socialización entre persoas que, nalgúns casos, viven en soidade.
O evento, promovido pola Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, inclúe a disputa da Copa desde as 16 horas e, a continuación, na Casa da Cultura de Monte Porreiro terá lugar a entrega de premios aos distintos gañadores da campaña recentemente finalizada.
Na Copa están inscritos os catro mellores equipos da liga: o Carballo e o Pote, ambos de Mourente; Petanca de Marín e O Mirador de Monte Porreiro. En total, son 14 os equipos que participaron na última a liga e iniciarán a próxima. Con todo, desde o colectivo aseguran que moi pronto o número de equipos aumentará.
Doutra banda, lembran desde a Asociación que manteñen a esperanza de facer realidade un proxecto de escolas deportivas nos centros educativos da cidade para introducir aos máis novos na práctica dun deporte que non deixa de crecer.