Sétimo posto para Saleta Castro no Ironman de Cozumel
Por Diego Espiño
Por primeira vez Saleta Castro baixou das 10 horas nun triatlón de longa distancia no Ironman disputado en Cozumel, México.
A pontevedresa finalizou a proba, última prevista no seu calendario de 2013, nun meritorio sétimo lugar parando o cronómetro en 9:19:32.
Saleta, tras un segmento de natación que tivo que ser reducido a 3,1 quilómetros e a favor de corrente pola previsión meteorolóxica, foi de menos a máis mantendo un bo nivel nos 180 quilómetros a bicicleta e sobre todo no maratón final.
Cun tempo de 5:21:06 no tramo de ciclismo, o undécimo mellor parcial das competidoras, a triatleta lerezana sitouse no vixésimo lugar, remontando na carreira a pé cun tempo de 3:14:32, cuarto máis rápido cunha media de 4:37 o quilómetro, para situarse na sétima praza final.
Saleta Castro, que iniciou o seu camiño para intentar clasificarse para Hawaii 2014 cun quinto posto en Winsconsin, non volverá competir ata o próximo ano, cando deberá confirmar as súas boas sensacións sumando os puntos necesarios que lle permitan acceder ao Mundial de triatlón de longa distancia.
A británica Rachel Joyce, cun tempo de 8:52:28, adxudicouse o Ironman de Cozumel por diante das norteamericanas Jessie Donavan (9:01:12) e Amanda Stevens (9:06:40).
Relacionadas:
-
Saleta Castro afronta o seu primeiro Ironman do ano en Los Cabos
Por Diego Espiño |
-
A Titan Desert, novo reto para Saleta Castro
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro inicia o seu camiño a Hawaii cun quinto posto no Ironman de Wisconsin
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro márcase como meta o Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño |