Saleta Castro inicia o seu camiño a Hawaii cun quinto posto no Ironman de Wisconsin
Por Diego Espiño
Hawaii está un paso máis preto para Saleta Castro despois de que a pontevedresa finalizase en quinto lugar o seu primeiro ironman, o de Winsconsin, no que buscaba sumar puntos no ránking profesional para acceder en 2014 á prestixiosa competición, considerada como o Campionato do Mundo de triatlón de longa distancia.
Na proba celebrada en Estados Unidos a pontevedresa realizou un bo papel quedándose a seis minutos do podio final despois de realizar os 3,8 quilómetros a nado, 180 en bicicleta e o maratón final en pouco máis de 10 horas (10:04:51).
Saleta completou o tramo de natación nunha hora exacta, un segmento no que declarou tras a proba non se ter sentido de todo a gusto, pero soubo sobrepoñerse no ciclismo e a pé.
O tempo coa bicicleta foi de 5:35:09, mentres nos 42,195 quilómetros a pé a deportista lerezana puido manter unha marcha constante, sen desfondarse, cun rexistro de 3:22:03.
Catro trialtletas estadounidenses ocuparon os primeiros lugares da competición con Jackie Arendt á cabeza, que parou o cronómetro en 9:47:07.
O próximo Ironman que Saleta Castro ten previsto realizar é o Cozumel (México) o 1 de decembro, deixando para 2014 as probas de Melbourne e Frankfurt. Catro citas en total nas que a pontevedresa espera conseguir os puntos necesarios para competir na meca do triatlón de longa distancia, Hawaii.