Duelo directo para o Arxil en Oviedo
Por Redacción
Importante partido na súa loita pola permenancia na Liga Feminina 2 para o Club Baloncesto Arxil, que visita a pista do Universidad de Oviedo (sábado 17:00 horas) en busca do seu segundo triunfo da tempada.
O conxunto ovetense, ao igual que o Arxil, conta ata o momento cun partido gañado e catro derrotas, de aí o vital dun choque que achegará unha boa dose de tranquilidade ao equipo que resulte vencedor.
O corpo técnico das verdes espera un encontro igualado ante un Universidad "moi agresivo na casa, con continuos dous por un e roubos de balón para intentar anotar con facilidade", segundo recoñecen dende o Arxil.
Por iso o bloque lerezano deberá prestar especial atención ás perdas que tanto dano lle causaron en varios partidos do presente curso.
A expedición do Arxil, coa mesma convocatoria que a de hai unha semana, partirá cara a Asturias na mañá do mesmo sábado en compañía de dous equipos das categorías inferiores, o Arxil C Infantil e o A de minibasket.