A júnior Uxía Soto suma un bronce para o Supermercados Froiz no nacional de XCO
Por Redacción
A ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz Uxía Soto suma unha nova medalla ao palmarés do equipo despois de conseguir o bronce no Campionato de España de XCO na categoría júnior.
A ponteareá foi capaz de terminar a proba en terceira posición tras completar un percorrido moi duro e rápido no que a calor puxo a proba a resistencia do pelotón.
O equipo feminino goza agora dun merecido descanso antes de retomar en outubro a tempada de ciclocrós.
Pola súa banda, a sección masculina pechou a súa participación na Volta a Madrid cun oitavo e décimo posto na segunda e cuarta etapa para os alimenticios Daniel Jiménez e Manuel Rodríguez.
O calendario dá agora un breve respiro ao Froiz, que non volverá competir ata o 5 de agosto coa Volta a Toledo.