San Xusto aposta pola velocidade coa súa carreira de carrilanas
Por Cristina Saiz
Despois do parón obrigado pola pandemia polo coronavirus, as carrilanas regresaron á Carballeira de San Xusto para celebrar a súa particular e xa habitual competición de velocidade que este ano cumpriu a súa cuarta edición.
A carreira, incluída dentro do Campionato Galego da especialidade, ao amparo da Federación Galega de Deportes de Inercia (FGDI), encheu destes particulares vehículos toda a zona desde as 16:00 horas deste sábado, hora de comezo da proba.
Con saída desde o cruzamento da estrada N-541, os pilotos percorreron unha baixada de 1.200 metros ata chegar á liña de meta, situada na contorna da Carballeira.
O bo tempo acompañou durante toda esta xornada lúdica e deportiva que non se quixo perder practicamente ningún veciño da zona, vendo como os participantes poñían a proba a súa velocidade e os seus reflexos subidos nas carrilanas.
Ademais da carreira, o Concello instalou un servizo de bar e contratou a un DJ para amenizar a xornada.