Os xogadores do Arosa denuncían con dureza o comportamento do seu excompañeiro Hugo Sanmartín
Por Ramiro Espiño
O equipo de xogadores do Arosa emitiu na noite do luns un comunicado no que cargan duramente contra a actitude e o comportamento do seu excompañeiro Hugo Sanmartín, a quen o club que preside Manolo Abalo deu a baixa federativa o martes, día 19 de novembro, para poder tramitar a alta de Pablo Pillado.
No devandito comunicado, que reproducimos integramente a continuación, o equipo arosista apoia a decisión da directiva de dar a baixa a Hugo, pero descobre que máis alá dos motivos deportivos alegados inicialmente, había problemas graves de indisciplina e comportamento, tanto co club e corpo técnico, coma cos seus compañeiros de vestiario.
O texto asinado por todos os integrantes do equipo arlequinada é o seguinte:
"Con motivo da saída do xa exxogador Hugo Sanmartín Delgado o pasado 19 de novembro, e a raíz dos comentarios e desinformación observados, o equipo do Arosa SC quere mostrar a súa total conformidade e respaldo á decisión adoptada polo club. A devandita decisión fundaméntase nos actos graves e reiterados de indisciplina de Hugo Sanmartín con distintos membros do corpo técnico, excompañeiros e directiva. Calquera deses actos de indisciplina poderían ter suposto a saída inmediata do xogador.
Algúns dos actos de insubordinación remóntanse á pretempada do actual curso 2013-2014. Hugo aludiu unha lesión durante a primeira sesión de pretempada, feito descoñecido polo club no momento da súa renovación. Á marxe da dubidosa orixe da devandita lesión, o xogador solicitou ao club uns días de "reflexión" por supostos problemas persoais, momento que Hugo aproveitou para gozar dunhas vacacións de tres semanas en pleno período de adestramentos, feito descoñecido nun primeiro momento que puido confirmarse con posterioridade, xerando o lóxico malestar dos seus xa excompañeiros.
Posteriormente, durante a fase de recuperación da súa lesión de xeonllo (lesión completamente distinta á sufrida durante o último partido de liga contra o Pontellas, como así púidose corroborar grazas ás probas diagnósticas realizadas), Hugo desobedeceu as indicacións do preparador físico do club, dando por finalizado o seu adestramento 45 minutos antes do debido e sen previo aviso a ningún membro do corpo técnico. Por se non fose pouco, Hugo, durante a lóxica reprimenda do preparador físico, increpou con múltiples insultos a este e cun "trato" máis que ameazante, feito que entendemos de especial gravidade.
O periplo de Hugo Sanmartín coas actitudes antideportivas e de rebeldía continuou durante o partido co Somozas. Durante o devandito partido, foi obxecto das habituais correccións técnicas do seu exadestrador, sendo interpretadas polo xogador de forma completamente antideportiva e proferindo ante as distintas indicacións técnicas un "vai a tomar polo cu" seguido do despectivo xesto de brazos. Ao finalizar o encontro, Hugo tivo que ser agarrado por distintos excompañeiros e membros directivos pola súa ostensible quenta de camiño aos vestiarios, con insultos, berros e golpes ao mobiliario deportivo, deixando en moi mal lugar compañeiros e club. A estes nocivos comportamentos antideportivos, poderiamos unir distintas discusións e malos modos con diversos excompañeiros do equipo así como outros actos de desobediencia que preferimos omitir.
Por estes e outros feitos que se omitiron entendemos os devanditos comportamentos absolutamente impropios dun xogador que quere formar parte do Arosa SC e que se declara "arosista". Realmente entendemos estes comportamentos como absolutamente "antiarosistas". Ante a delicada situación deportiva na que está inmerso o Arosa SC como consecuencia da praga de lesións que nos azouta e coa totalidade de fichas cubertas, o club viuse obrigado a dar unha baixa. Ante o comportamento máis que exemplar do resto de compañeiros do equipo, se decidiu tomar a dura e difícil decisión de prescindir daquel xogador que mostrara menor compromiso dentro do equipo con comportamentos impropios anteriormente citados, independentemente do nivel deportivo do devandito xogador.
A política adoptada polo club neste asunto foi tratar con discreción a saída de Hugo, non obstante, debido ás suspicacias espertadas dentro a masa social e ás declaracións nesgadas do exxogador, vímonos obrigados a aclarar os motivos da súa baixa para non alimentar máis falsos rumores.
Asímismo, emprazamos calquera socio do Arosa SC que desexe obter máis información destes e outros actos de indisciplina do xa exxogador Hugo Sanmartín a consultar dentro das instalacións do club calquera membro deste".