O Arosa dá a baixa a Hugo Sanmartín para poder inscribir a Pablo Pillado
Por Ramiro Espiño
Nun comunicado oficial do club arlequinado, emitido a última hora da tarde do martes, o Arosa fixo pública a súa decisión de dar a baixa ao seu dianteiro Hugo Sanmartín. O que fose máximo goleador e peza clave no equipo que a pasada tempada conseguiu o ascenso, logrando 27 goles, abandona o club que preside Manolo Abalo, para deixar o oco necesario no equipo, tras a fichaxe de Pablo Pillado.
O Arosa tiña cubertas as 16 prazas de xogadores maiores de 23 anos, o que obrigaba a deixar libre unha desas fichas que permitira a tramitación da alta de Pillado. Despois de valorar as posibilidades, a decisión do técnico, Piscis, foi prescindir de Hugo, en lugar do capitán, Adrián Camiño lesionado de longa duración, pois ao constatar que se se lle daba a baixa non podería regresar ao equipo nesta tempada, optouse por esperar a súa recuperación, confiando en que poida xogar na recta final da liga.
Precisamente Piscis, a preguntas de PontevedraViva, non quixo realizar valoración ningunha dos motivos que o levaron a elixir a Hugo para darlle a baixa, limitándose a agradecerlle o seu traballo durante o tempo que estivo ás súas ordes.
Hugo posiblemente acuda ao adestramento do mércores a despedirse dos seus compañeiros, e aínda que polo momento non ten destino deportivo, no partido disputado o pasado domingo en Areas, parece que se puxo de manifesto o interese do club ponteareán por contar cos seus servizos, se ben esa opción non se concretou aínda.