Medio milleiro de nenas e nenos pelexan este sábado polo campionato autonómico escolar de taekwondo
Por Redacción
Máis de 500 deportistas de categorías infantil, precadete e cadete amosarán este sábado 18 de xuño no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra todo o potencial da base do taekwondo autonómico durante o Campionato Galego Escolar en modalidades de exhibición e combate.
A competición, organizada polo Club Taekwondo Taekanart en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Federación Galega de Taekwondo, contará cos máis prometedores taekwondistas procedentes de todo o territorio, que chegan a esta fase autonómica despois de clasificarse nas respectivas fases provinciais.
O evento celebrarase durante toda a xornada, coas seguintes modalidades de competición: exhibición infantil e cadete (de 10 a 11:30 horas), combate infantil (de 11:30 a 14:30 horas), combate precadete e cadete (de 15:30 a 20:30 horas).
“Haberá 19 exhibicións protagonizadas por 170 deportistas e, na categoría de combate, participarán 344 deportistas pertencentes a 35 clubs”, avanzou esta mañá o responsable do Club Taekwondo Taekanart, Toño Ríos, durante o acto de presentación do campionato, no que estivo acompañado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o coordinador de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte, Santiago Ferrer, e a directora técnica da Federación Galega de Taekwondo, Nuria Pérez.
"O feito de que haxa máis de 500 rapaces e rapazas que participen neste Campionato Galego Escolar é un síntoma moi positivo de que imos recuperando esa normalidade que todos desexamos", sinalou Tino Fernández, quen destacou tamén que "o taekwondo é un deporte estratéxico en Pontevedra, un deses deportes que ano tras ano vai crecendo e que ademais o fai de xeito organizado".
Gorka Gómez subliñou a relevancia de que se fagan eventos de visibilización e apoio do deporte base “para animar aos rapaces e rapazas a facer deporte, neste caso taekwondo. Hai que concienciar sobre a importancia de realizar deporte".
Por parte da Federación galega de Taekwondo, Nuria Pérez uixo agradecer o esforzo do equipo pontevedrés por "organizar este evento e o esforzo que está a facer, xa que a semana pasada estivo tamén organizando o Open Cidade do Lérez, que foi un éxito". A directora técnica da Federación Galega de Taekwondo mostrouse satisfeita por "retomar a modalidade de exhibición, posto que non se fai ningún campionato desta modalidade desde antes da pandemia".
Santi Ferrer salientou a importancia da dinamización das categorías base “e este Campionato Galego Escolar vai congregar aquí a unha cantidade importante de deportistas. Agardemos que todo saia ben e que os deportistas desfruten dunha xornada activa e participativa. Na Secretaría Xeral para o Deporte estamos orgullosos de que se celebren este tipo de probas”, rematou o atleta.