O circuíto de carreiras Ponle Freno volverá facer escala en Pontevedra o 18 de xuño
Por Redacción
Os pontevedreses volverán correr pola seguridade viaria. O circuíto de carreiras populares Ponle Freno regresa este 2022 tras un ano de carreiras virtuais pola pandemia con nove sedes repartidas por toda España e entre as que volve estar a Boa Vila.
Impulsada por Atresmedia e a Fundación AXA, o pistoletazo de saída a este circuíto terá lugar o día 27 de marzo en Badalona para continuar despois en Valencia (24 de abril), Zaragoza (8 de maio), Málaga (11 de xuño) e Pontevedra (18 de xuño). O circuíto continuará en Vitoria (11 de setembro), Santander (25 de setembro), Madrid (20 de novembro) e Las Palmas de Gran Canaria (18 de decembro).
Na capital das Rías Baixas, igual que na da Costa do Sol, está prevista a celebración dunha carreira nocturna. Ponle Freno baterá este ano o récord de cidades participantes cun total de nove e os corredores terán a oportunidade participar en percorridos de 5 ou 10 quilómetros. Ademais, está prevista tamén a organización de carreiras infantís.
Un ano máis, este circuíto contará con dous embaixadores de excepción: o campión mundial de maratón Martín Fiz e o presentador de Antena 3 Manu Sánchez, encargado de presentar este martes o programa nun acto en Madrid no que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández.
"A recadación que se consigue grazas ás inscricións nas carreiras destinarase, desde o principio e de xeito íntegro, a proxectos en apoio a vítimas de accidentes de tráfico", lembrou o concelleiro pontevedrés, quen puxo en valor as características do modelo urbano da súa cidade como modelo para reducir estes feitos.
"No proceso de reforma urbana que levou a Pontevedra a retirar pouco a pouco os coches do centro urbano e a recuperar as rúas para uso e desfrute dos peóns, unha aposta que se traduciu nunha redución drástica, a practicamente cero, dos atropelos e os accidentes na nosa cidade. O tempo deunos a razón e agora son moitas as cidades de España e de Europa que teñen a Pontevedra como referente de seguridade viaria e que queren imitar este modelo peonil e de limitación da velocidade e do acceso ao casco urbano para os vehículos", engadiu o socialista.
Relacionadas:
-
A carreira Ponle Freno desembarca en Pontevedra para axudar ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
A carreira Ponle Freno regresa a Pontevedra cun novo circuíto pola Xunqueira de Alba
Por Manu Otero |
-
Pontevedra e a carreira Ponle Freno pola seguridade viaria volven ir da man en formato virtual
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá ser unha das dez cidades embaixadoras da carreira Ponle Freno
Por Redacción |