O Arosa perdoa ante o líder Unión Adarve e págao no desconto (1-1)
Por Almu Dapena
Inxusto empate o conseguido polo Arosa este sábado ante o líder Unión Adarve. O conxunto arlequinado foi dono e señor dun partido no adiantouse cun gol de Pablo Porrúa no minuto 60, pero de tanto perdoar acabou condenado cun gol de Andrei no tempo de prolongación.
Comezou sufrindo o cadro arousán, que buscaba afastar o balón da súa área ante as chegadas dun Unión Adarve que saíu cunha presión moi forte coa que xerou certo perigo na portería de Álex Cobo. Especialmente ese perigo claro chegou cun disparo desde a frontal de Montejo que nun principio non tiña perigo pero que o gardameta atallou en dous tempos.
Replicó ao momento o conxunto arlequinado cun disparo similar de Luís Nuño, intervindo esta vez Dani Simón na mellor ocasión para os locais ata o momento.
O Arosa, cómodo sen balón, non deixaba pensar aos rivais, que no momento no que recibían o esférico xa tiñan a dous xogadores encima, que roubaban con rapidez para enviar o balón ás bandas e xerar profundidade. Así, nunha chegada de Porrúa desde a esquerda, centrou cara ao segundo pau onde Luís Nuño sacou unha bolea coa esquerda que enviou a córner con bos reflexos Dani Simón. Ademais, os locais contaban co auxilio de Alberto Martín e Mon, moi efectivos en defensa que recuperaban para enviar con rapidez aos atacantes. De feito, á media hora de xogo e tras un bo roubo do 14 arousán, Pedro Beda cedeu a Luismi, e este con rapidez quíxose plantar diante do gardameta visitante pero Salama derrubouno, vendo cartolina amarela.
Forte en tarefas defensivas, os arlequinados facíanse coa banda esquerda para convertela nun desfiladeiro cos centros letais de Cotilla, que enviaba a Beda para asustar con senllas ocasións a un Adarve que sufría. A primeira rematando de cabeza e a segunda cun disparo frontal que rexeitaba Salama.
Mentres, o conxunto madrileño tentaba ferir á contra, pero a sensación de control e dominio a tiña o Arosa, que replegaba e pechaba posibles espazos realizando un gran labor defensivo, tentando buscar a un Luismi precipitado.
Xa no desconto, despois dun primeiro acto de bo fútbol e ocasións para os arlequinados aos que só lles faltaba o gol, Lusmi recibía no punto de penalti un centro de Fontán, obrigando a intervención, unha vez máis, dun sublime Dani Simón que salvaba os mobles ao seu equipo.
A segunda metade naceu co mesmo ritmo, co Arosa xerando perigo e obtendo o tan merecido gol cando se cumpría a hora de xogo. Nuño revolveuse dentro da área e cedeu ao segundo pau, onde apareceu Pablo Porrúa para rematar un balón ao que parecía non chegar ninguén, anotando o primeiro gol do encontro e primeiro na súa conta particular no que vai de liga.
Gañou confianza o conxunto de Jorge Otero por mor do gol, gañando en profundidade e superando con fartura a un Adarve que movía ficha para buscar o empate e ao que lle anulaban o gol na seguinte xogada por unha falta no momento de rematar.
Cómodo o Arosa e nervioso o conxunto madrileño, arriscando e abrindo espazos, comezou a chegar á área de Álex Cobo, que interceptaba as chegadas dun rival que xeraba a balón parado. Ademais, os xogadores locais perdoaban e estaban faltos de acerto, podendo sentenciar primeiro cun disparo de Diego Diz e logo cun remate de cabeza que parou a pelacorpo Dani Simón.
E de tanto perdoar, chegou o gol do Adarve. Xa no desconto, cando parecía que os tres puntos quedarían na Lomba, apareceu Miñambres para poñer a proba cun forte disparo a Cobo, que rexeitou cara a Andrei para superar e marcar o gol co que concluíu o duelo.
Relacionadas:
-
O pesadelo do Arosa continúa tras caer na Lomba co Palencia Cristo (0-3)
Por Almu Dapena |
-
Amargo empate sen goles entre Arosa e Avilés na Lomba
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Navalcarnero quítase a espiña da Lomba e golea o Arosa (4-1)
Por Redacción |
-
O Arosa quere romper a mala xeira fóra da casa visitando o Navalcarnero
Por Almu Dapena |
-
O líder Unión Adarve visita na Lomba a un motivado Arosa
Por Diego Espiño |
-
Un Coruxo moi superior deixa sen opcións o Arosa (3-0)
Por Almu Dapena |
-
O Arosa segue gañando no desconto (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Sufrido e valioso punto do Arosa na casa do Arenteiro (1-1)
Por Diego Espiño |