Amargo empate sen goles entre Arosa e Avilés na Lomba
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Arosa e Avilés repartíronse os puntos este sábado nun partido condicionado polo mal estado do terreo de xogo e o mal tempo. Os arlequinados levaron o control nos primeiros instantes de encontro pero foron os de Asturias os que gozaron das mellores ocasións que desbaratou Álex Cobo.
As malas condicións do campo cos laterais embarrados por mor da choiva, que non parou de caer en toda a semana, complicou a mobilidade de balón de ambos os conxuntos ao comezo do encontro.
Máis afeito ao terreo de xogo estaba o Arosa, moi activo na presión tras roubo dun Avilés ben asentado que evitaba as chegadas dos locais cunha férrea defensa, que desbarataba as accións de Julio Rey cun remate de bolea no minuto cinco e tamén de Luís Nuño, que o tentaba con disparos afastados.
Pasada a media hora de xogo comezou o sufrimento para os arlequinados. Avisou o Avilés na súa primeira chegada á área de Álex Cobo cun disparo cruzado de Alberto Ródenas que o gardameta desviou a córner. Sacou de esquina o conxunto visitante na seguinte xogada, que rematou Morcillo sobre a liña atallando o gardameta local o esférico e salvando aos seus do primeiro gol en contra.
Seguiu o asedio asturiano na recta final do encontro mentres o Arosa aguantaba como podía. Tirou desde o medio centro Natalio ao ver a Cobo adiantado probando sorte por arriba, pero o disparo foise por fóra. Tamén Vidorreta buscou o tanto cun disparo cruzado e Ródenas previo centro de Carrión desde o extremo esquerdo, salvándose o equipo de Jorge Otero polos pelos para chegar ao descanso coas táboas no marcador.
Despois do descanso seguiu o perigo do Avilés, que realizaba unha presión cada vez máis alta buscando roubar preto da portería arousá. Tivo nas súas botas Sergio García a ocasión máis clara da segunda parte nada máis comezar, dando paso a uns minutos nos que ningún equipo foi dono do balón e a maior parte do tempo disputouse no centro de campo, con faltas un tanto duras que o colexiado sancionaba con cartolina amarela.
Alcanzados os últimos 10 minutos tivo unha boa acción Juan Perea para os visitantes e Julio Rey para o Arosa nunha contra individual, pero a defensa asturiana desbaratou a chegada á área do arlequinado.
Seguiron pasando os minutos sen máis pena nin gloria, cos locais usando como arma os seus habituais centros que, nesta ocasión, non serviron para mover o luminoso, concluíndo o partido nun amargo 0-0 que de pouco serve ao Arosa.
Ao comezo do encontro os xogadores de ambos os equipos portaron unha bandeira de Ucraína en homenaxe ao país. Ademais, o Arosa instalou varios puntos de recollida de produtos nos accesos aos estadios para doalos á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA).
Relacionadas:
-
Triunfo vital para o Arosa á conta do pechacancelas Ceares (3-1)
Por Almu Dapena |
-
O pesadelo do Arosa continúa tras caer na Lomba co Palencia Cristo (0-3)
Por Almu Dapena |
-
José López Rodríguez, máis de 70 anos de fidelidade ao Arosa
Por Redacción |
-
O partido ante o Palencia Cristo Atlético, declarado polo Arosa como "Día de homenaxe ao socio"
Por Redacción |
-
Un Arosa "intenso, rápido, profundo e sobre todo defensivamente forte" para achegarse á permanencia
Por Diego Espiño |
-
Xornada de solidariedade con Ucraína na Lomba
Por Redacción |
-
O Navalcarnero quítase a espiña da Lomba e golea o Arosa (4-1)
Por Redacción |
-
O Arosa perdoa ante o líder Unión Adarve e págao no desconto (1-1)
Por Almu Dapena |
-
Un Coruxo moi superior deixa sen opcións o Arosa (3-0)
Por Almu Dapena |