Volta á realidade ligueira para o Teucro cun díficil compromiso en Benidorm
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Coa moral polas nubes trala machada do pasado mércores ante o Cuatro Rayas Valladolid en Copa, a Sociedad Deportiva Teucro volve á realidade ligueira cun difícil desprazamento á cancha do Servigroup Benidorm (sábado 19:30 horas no Palau Esports L'Illa de Benidorm).
Os de Javier Barrios volven ao escenario onde lograron a clasificación na primeira eliminatoria copera (22-24) pero en diferentes circunstancias.
Naquel entón os azuis viaxaron sen dous dos seus pesos pesados, Porto e Carlos García, malia o cal lograron impoñerse a un equipo alicantino que non perdeu ningún partido máis en casa.
Nesta ocasión Barrios dispoñerá dos seus mellores homes para o primeiro dos dous encontros consecutivos que xogará como visitante. En fronte un Benidorm que busca vinganza pola eliminación en Copa e que se converteu nunha das revelacións da tempada situándose no quinto lugar da División de Prata, cun punto menos que os lerezanos, malia ser un equipo recentemente ascendido.
A parella arbitral designada para o encontro é a composta polos madrileños Miranda Bedate e San Pedro Colorado.