Empate sobre a bucina (27-27) do Teucro en Benidorm cando xogaba en inferioridade
Por Redacción
Intenso, disputado e emocionante ata o último segundo. O Benidorm esperaba ao Teucro intentando sacarse a espiña da eliminación copeira, na que fora a súa única derrota en cancha propia na presente tempada, e saíu disposto a levar a iniciativa do partido desde o primeiro instante. Pero os azuis non se engurraron en ningún momento e conseguiron toda unha xesta ao arrincar un valioso empate, de novo sobre a bucina, xogando en inferioridade e cando os alicantinos puxéronse por diante a falta de tan só 10 segundos para o final.
Malia que o equipo local conseguiu tomar a dianteira, as súas vantaxes nunca foron superiores aos dous goles. Esa lixeira iniciativa mantívose ata os últimos cinco minutos do primeiro tempo. Si Javier Sánchez facía danos cos seus lanzamentos, catro goles consecutivos de David García Pichel poñían aos de Javier Barrios por primeira vez por diante no marcador (12-13), vantaxe que sería neutralizada polo citado Javier Sánchez, a falta de escasos segundos para o descanso.
Tras un primeiro tempo de igualdade absoluta, as espadas seguían no alto para unha segunda parte que prometía emocións fortes.
E tívoas, máis ata das esperadas. O Teucro comeza adiantándose, pero un parcial de 3-0 para os locais permítelle volver tomar as rendas. Reacciona o Teucro, curiosamente tras un tempo morto solicitado polo técnico local, e volve a empatar, da man dun David García Pichel sensacional.
Unha exclusión de Víctor Rodríguez permite ao Benidorm adiantarse con dous goles (22-20), pero reacciona de novo o conxunto azul e volve a empatar, con goles de Tomás Moreira e Carlos García. Quedaban só 8 minutos por diante.
David García Pichel seguía ao seu. Un novo gol do lateral teucrista e outro de César Armán daban unha mínima vantaxe ao Teucro, pero Miguel Llorens empata de novo (24-24). Javier García Barrios pide tempo morto a falta de 4 minutos. Marca Tomás Moreira. Empata Cutanda e aparece David Chapela. De novo un arriba con 3 minutos por xogar.
E chega a xogada clave. Carlos García é excluído cando quedan menos de dous minutos. Mirallave aprovéitao para empatar (26-26). Perde o balón o Teucro e o Benidorm pide tempo morto para preparar a xogada, a falta de 22 segundos. E sáelle ben, porque volve marcar Mirallave (27-26).
Quedaban só 10 segundos e en inferioridade. Pero este Teucro ten clase e raza para regalar. A falta de dous segundos Tomás Moreira empata, logrando un xusto premio ao esforzo dun equipo que segue facéndose máis grande a cada xornada que pasa.
BM SERVIGROUP BENIDORM (27): Rei Enrique; Aitor Borrás, Cutanda (6), Hugo, Jorge Hernández (1), David Jiménez (3), Llopis, Llorens (1), Sergio Martínez, Mirallave (7), Javier Sánchez (7), Adrián Santamaría (2), Enrique Martínez e Víctor Recio.
S.D. TEUCRO (27): Juan Bar; César Armán (2), David Chapela (3), Marcos Dorado, Borja Pedreira (1), Carlos García (6), David García Pichel (8), Tomás Moreira (4), Carlos Pombo, Álex Pombo (1), Miguel Porto (1), Víctor Rodríguez (1), Miguel Sío e Dani Cadilla.
Árbitros: Gonzalo Miranda Bedate e Fernando San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron por dous minutos a Aitor Borrás (2) e Miguel Llorens, polo Benidorm, e a Alejandro Pombo, Víctor Rodríguez e Carlos García, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 4-3, 7-6, 9-8, 11-9, 13-13 (descanso), 14-15, 17-15, 18-17, 21-20, 23-23 e 27-27 (final)
Incidencias: Palau Esports L'Illa de Benidorm. Uns 300 espectadores.