![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/527b9c996dda4-img_8993.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
O II Trofeo Rías Baixas reunirá en Pontevedra aos mellores tiradores nacionais en categoría junior
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado, 9 de novembro, a segunda edición do Trofeo Rías Baixas de esgrima.
A cita, na especialidade de sabre e categoría M-20, reunirá na cidade de Lérez aos mellores tiradores nacionais en idade junior, ao tratase dunha das dúas probas clasificatorias para o campionato de España, xunto á de Madrid.
Por ese motivo a organización, a cargo da Escola Hungaresa, espera a presenza de máis de 100 deportistas para participar na competición individual e por equipos.
En canto á participación local, o club pontevedrés comparecerá con oito deportistas en categoría masculina e cinco en feminina, entre os que destaca Natalia Fernández, que comezou a tempada colgándose un bronce en Barcelona.
O Trofeo comezará ás 9:00 horas da mañá, con entrada gratuíta, e desenvolverase durante boa parte do día, coas finais individuais fixadas ás 13:00 horas e as de equipos ás 18:00.