O Teucro visita ao Villa de Aranda nunha das súas últimas opcións de conseguir "puntos reais" para a segunda fase
Por Redacción
A tres xornadas para o final da primeira fase da liga na División de Honra Prata, ao que se sumarán os encontros pendentes por parte de cada equipo debido aos aprazamentos pola covid, á Sociedad Deportiva Teucro acábaselle o tempo de conseguir puntos para chegar coas maiores posibilidades posibles á fase pola permanencia.
Os pontevedreses son últimos na táboa con 4 puntos, pero só 2 deses puntos sumarían a día de hoxe para a segunda parte da tempada, os conseguidos fronte ao Soria, xa que o outro triunfo ante o Atlético Novás sería inútil de pelexar os do Rosal, segundos, polo ascenso.
Nesta situación o encontro que os azuis afrontarán este sábado 12 de febreiro (19.00 horas) na pista do Villa de Aranda antóllase como vital para os seus intereses, e é que "está case claro que nos imos a ver as caras na segunda fase polo descenso", recoñece a adestradora Irene Vilaboa sobre os burgaleses, polo que os 2 puntos en xogo terán valor dobre,
"Sabemos que vai ser un partido esixente pero estamos preparados. Imos a Aranda coa mente posta no noso obxectivo, que é conseguir puntos reais para a segunda fase", defende a adestradora teucrista.
O vicedecano afrontará a cita "con todos os xogadores dispoñibles", a excepción do lesionado de longa duración Miguel Sío.
Relacionadas:
-
O Teucro complícase na casa do Villa de Aranda (27-22)
Por Almu Dapena |
-
Alcobendas deixa o Teucro co mel nos beizos (28-27)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne leva o derbi do orgullo (31-25)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Teucro rexorde con remontada e triunfo sobre a bucina no derbi contra o Atlético Novás (27-26)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |