Un heroico Teucro elimina ao Cuatro Rayas Valladolid nos penaltis
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/53543efbf156d-20131106_dt_teucrovsbmvalladoliz14.jpg)
© Diego Torrado
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/53543ec73fdbc-20131106_dt_teucrovsbmvalladoliz06.jpg)
© Diego Torrado
Ata en dúas ocasións tivo o partido perdido o Teucro, pero a fe dos azuis e a ilusión por enfrontarse a un equipo de Liga Asobal como o Cuatro Rayas Valladolid, fixo que o equipo rexurdise cal ave fénix para empatar practicamente sobre a bucina e á heroica usando a opción de porteiro-xogador.
Así sucedeu ao final do tempo regulamentario cun gol de Tomás Moreira e repetiuse na prórroga, esta vez con Chapela de protagonista para forzar os lanzamentos de desempate desde os sete metros, onde o Teucro estivo máis atinado para romper todos os prognósticos e clasificarse para os oitavos de final da Copa do Rei.
Avisaron os azuis na previa do encontro que os pucelanos ían ter que suar para eliminalos da competición, e non falaron en balde.
A pesar das imprecisións iniciais, froito en parte polos nervios, o conxunto lerezano foi capaz de plantar cara desde o primeiro minuto ao Valladolid e levar o partido ao seu terreo.
Os de Javier Barrios apoiáronse nunha gran defensa e un sobrebio Juan Bar (12 paradas nela primeira metade) para manter o choque igualado e ir gañando en confianza ata que unha exclusión de Peciña lle permitiu abrir unha pequena brecha antes do descanso (12-10).
Tras o parón o partido gañou en ritmo e os equipos precisión en ataque, uns ingredientes que a priori podían prexudicar aos azuis, que con todo souberon desenvolverse e moverse con lixeiras vantaxes ata marcar a máxima no ecuador do segundo período (22-19).
Foi entón cando o Cuatro Rayas tirou de galóns para dar a volta ao electrónico a falta de pouco máis de tres minutos (24-26), pero o Teucro non estaba polo labor fincar o xeonllo e empeñouse en chegar con vida ao final.
Cun Pavillón Municipal entregado á causa os azuis tiraron de caste para, primeiro manterse no partido grazas a unha parada de Juan Bar nun contragolpe visitante e despois igualar a falta de tres segundos.
Era tempo para a prórroga, con dous partes de cinco minutos, e a pesar da inxección de adrenalina, o guión dos últimos minutos de tempo regulamentario repetiuse cun Valladolid que se puxo dous arriba ata que a falta de minuto e medio sufriu a exclusión de Roberto, propiciando de novo a remontada local in extremis.
A eliminatoria chegaba aos penaltis. Tras os fallos do ex-xogador do Barcelona e internacional Fernando Hernández e do teucrista García Pichel todo quedaba para os dous últimos lanzamentos.
Alí xurdiron dúas das figuras locais, primeiro coa parada de Juan Bar a Camino e despois co penalti definitivo anotado por Carlos García para delirio da bancada.
Xa clasificado o Teucro espera rival para os oitavos de final, rolda na que entran en competición os oito primeiros da pasada tempada na máxima categoría.
SD TEUCRO (32+4): Juan Bar, Álex Pombo (1), Chapela (7), Porto (1), Tomás Moreira (3), Víctor Rodríguez (1), Carlos García (8, 2p) - siete inicial- Dorado (1), Carlos Pombo, García Pichel (5), César Armán (2), Miguel Sío, Borja Pedreira (3). PENALTIS: Porto (gol), Víctor Rodríguez (gol), Álex Pombo (gol), García Pichel (fallo), Carlos García (gol).
CUATRO RAYAS VALLADOLID (32+3): César, Porras (1), Lacasa (4), Fernando Hernández (3), Camino (1), Ávila (3), Bozovic (1) -siete inicial- Peciña (3), Ismael Juárez (2), Corzo (6, 2p), Megías (4), Roberto (4), Lamariano. PENALTIS: Corzo (gol), Hernández (fallo), Porras (gol), Juárez (gol), Camino (fallo).
Árbitros: Álvarez Menéndez e Friera Cavada (Asturias). Excluíron a Moreira, Víctor Rodríguez e Carlos García no Teucro e a Porras, Peciña, Corzo, Megías e Roberto no Valladolid.
Marcador cada cinco minutos: 1-1, 3-3, 4-5, 6-7, 9-9, 12-10, descanso, 15-15, 17-17, 20-18, 22-21, 24-24, 27-27, prórroga, 29-30, 32-32.
Incidencias: Partido de segunda rolda da Copa do Rei disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante aproximadamente 800 espectadores.
Relacionadas:
-
"Oitavos, vivamos outro momentazo! ", o Teucro pon en marcha unha campaña para o partido de Copa ante o Granollers
Por Diego Espiño |
-
Outro histórico para o Teucro en oitavos de Copa, o Fraikin Granollers
Por Diego Espiño |
-
Así serán os oitavos de final da Copa do Rei para o Teucro
Por Diego Espiño |