Teucro e Cisne esquecen o derbi para centrarse de novo nos seus obxectivos
Por Redacción
O derbi do pasado mércores entre Cisne e Teucro deixou motivos para o optimismo en ambas as escuadras. Os brancos saen reforzados por manter a súa serie triunfal, mentres que os azuis poden estar máis que satisfeitos polo xogo despregado e a intensidade mostrada. Con estas dúas bazas afrontan os clubs de Pontevedra unha nova xornada que será transcendental para os de Irene Vilaboa.
"Temos un partido importante o sábado en Alcobendas", declarou a adestradora teucrista. O cadro madrileño marca agora o límite entre a fase de ascenso e descenso, polo que é un rival directo na carreira da permancia e unha oportunidade única para confirmar a melloría do equipo e sumar dous puntos que poden resultar decisivos na próxima fase da competición.
"Vexo ao equipo motivado, con moitas ganas de darlle volta á situacion e con posibilidades de disputar os dous puntos. É un equipo que o temos en vermello desde hai tempo, estamos a desexar ir", remarca a adestradora.
A única dúbida que teñen no Teucro está relacionada co estado físico de Vinicius, aínda que Vilaboa confía en que poida recuperarse e dispoñer de minutos o sábado. Aínda así, a acumulación de minutos é unha ameaza que a preparadora debe neutralizar. "É unha semana de tres partidos e complicada en canto ao físico. Necesitamos axustar ben os tempos de partido porque dous derbis máis unha viaxe a Madrid no día", explica.
Ademais o encontro promete ser moi físico. "Imos atopar un equipo que necesita puntuar porque a súa dinámica é contraria á do Teucro. Xogan rápido e defenden aberto, polo que imos ter moitas posibilidades de xogo cos nosos pivotes", prevé Vilaboa, sobre un partido que comezará ás 18.30 horas no Pavillón dos Soños de Alcobendas.
O Cisne, pola súa banda, recibe ao penúltimo clasificado noutro partido intranscendente no referente á clasificación pero necesario para seguir construíndo a súa identidade de auténtico coco da categoría.
Advirte Quiños, segundo adestrador do cadro blanco, sobre a relaxación aos seus xogadores. "Todo o que sexa relaxación será complicarse de maneira innecesaria", subliña. Engade ademais que o Zamora é un equipo que, a pesar da súa mala posición ligueira, "compiten os seus partidos e sempre saca resultados axustados. Xogan moi ben ao balonmán, teñen bo porteiro, defenden moi ben, e o central ten bo un contra un", conclúe Quiños a súa análise.
O partido disputarase a partir das 18 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.