O Cisne brilla na segunda metade e tumba o Zamora (35-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Club Cisne Balonmán segue ao seu a falta de tres xornadas para a conclusión da primeira fase da División Honra Prata. O conxunto adestrado por Jabato realizou unha brillante segunda metade despois dun primeiro acto de altibaixos na que tumbou a un Zamora impotente que se desinflou co paso dos minutos (35-27).
Púxose moi pronto o partido de fronte para o Cisne, cun parcial de 4-0 grazas ao poderío da zaga pontevedresa e a un gran Pablo González que se converteu nun muro baixo paus para ser un auténtico pesadelo para os lanzadores zamoranos, incapaces de batelo mesmo desde os sete metros.
Ata seis minutos tardaron os visitantes en inaugurar o marcador, pero unha vez feito, entoáronse tanto en defensa como en ataque para aproveitar os erros cisneístas para facer dano ao contragolpe e reducir diferenzas (5-4).
Co paso dos minutos foise metendo o Zamora no partido, mentres o Cisne chegaba a área contraria pero cometía fallos non forzados que provocaban as rápidas arremetidas dun rival cada vez máis cómodo na cancha pero incapaz de igualar a contenda.
Parou o cronómetro o banco zamorano cando, nun visto e non visto, os brancos poñíanse o mono de traballo para ampliar de novo a diferenza en ata tres tantos, que se tranformó en catro ao chegar ao ecuador do primeiro acto (10-6).
Deu coa tecla o técnico de Zamora, apertando as porcas a un Cisne que se apagaba, incapaz de penetrar a zaga rival durante 5 minutos. Pediu tempo morto Jabato ante a imprecisión do seus pero de nada serviu, xa que os visitantes seguiron fortes en defensa e frustraron o ataque cisneísta para igualar por primeira vez o duelo cando se chegaba ao minuto 20 de xogo (10-10).
A precipitación en ataque dos locais sumada á inferioridade numérica na que se atopaba debido á exclusión de Chan, provocou que os zamoranos sorrisen ao colocarse por diante no marcador. E é que a remontada chegou a ser de ata dous goles, pero o Cisne concentrouse en alongar todo o que puido o seu último ataque para reducir distancias e chegar ao descanso cun resultado de 15-16.
A segunda metade seguiu como o final da primeira, Zamora anotaba e Cisne respondía da mesma forma, mantendo a igualdade ata pasados os seis minutos, cando os brancos deron a volta ao marcador grazas ao bo facer en tarefas defensivas tanto por parte de Pablo González como do bloque 6-0. Así, lograron reaccionar para colocarse cun colchón de tres tantos que obrigaba ao técnico visitante a parar o cronómetro (22-19).
Os altibaixos da primeira metade perdéronse e a superioridade comezou a ser máis que evidente co paso dos minutos. O Cisne converteuse nun ciclón e rompeu o partido de forma definitiva. Pablo González seguiu ao seu mentres Carlos Álvarez desde o extremo dereito e Daniel Neves desatado co seu lanzamento exterior truncaban as opcións dun Zamora que, pola contra, desinflábase e víase obrigado a tomar medidas cando o marcador mostraba un 27-20 aos 13 minutos de xogo.
Co partido xa resolvido, o conxunto pontevedrés non tivo máis que facer que ver como se ían consumindo os minutos aos poucos mentres o seu rival tentaba reducir distancias no marcador pero sen conseguilo, morrendo o encontro nun contundente 35-27.
Consulta as estatísticas do Cisne-Zamora
Relacionadas:
-
O Cisne recupera a inercia gañadora na pista do Villa de Aranda (28-29)
Por Redacción |
-
O Cisne recupera unha das súas xornadas perdidas visitando o Villa de Aranda
Por Redacción |
-
O Cisne deixa escapar a vitoria ante o Alcobendas (31-31)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O pivote Nicolás Samudio, reforzo do Cisne para o tramo final de tempada
Por Redacción |
-
Teucro e Cisne esquecen o derbi para centrarse de novo nos seus obxectivos
Por Redacción |
-
España chama a dous xuvenís do Cisne para o Campionato do Mediterráneo
Por Redacción |
-
O Cisne leva o derbi do orgullo (31-25)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Cisne impón o seu poderío sobre o Amenabar Zarautz para ser máis líder (34-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Álvaro Preciado salva o Cisne sobre a bucina no derbi contra o Novás (25-26)
Por Almu Dapena |