Deportes ultima a renovación da pista do Municipal e a cuberta do Multiusos
Por Alejandro Espiño
Preto de medio millón de euros investirá a área municipal de Deportes na mellora de dúas das infraestruturas deportivas máis importantes da cidade: o Pavillón Municipal de Deportes e o Multiusos da Xunqueira.
As obras servirán para renovar a pista deportiva do primeiro destes dous pavillóns, cun investimento previsto duns 312.000 euros, e reparar a cuberta do da Xunqueira, actuación que está orzada en máis de 172.000 euros.
O proxecto para o Municipal, que ten un prazo de execución de dous meses, contempla a renovación da pista de xogo, que está rematada de novo en madeira de haxa.
Ademais, acometerase o pavimentado do foso perimetral, o rectificado das ramplas existentes e dos remates laterais, a renovación da varanda perimetral e o marcado regulamentario da pista para balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol.
Como melloras que as empresas poden presentar a este proceso de licitación, o Concello incluíu un novo marcador LED de dez metros cadrados, ancoraxes para os elementos de xogo de diferentes deportes ou novas porterías para balonmán e fútbol sala.
Con respecto á reparación da cuberta do Multiusos, a licitación que aprobou o goberno municipal de Pontevedra fixa un prazo de obras de tres meses.
Esta actuación permitirá renovar a cuberta do pavillón, construída con panel tipo sándwich, para corrixir as filtracións de auga e protexela contra a corrosión que está a sufrir.
Para iso, prevese colocar novos canlóns e baixantes, limpar con auga toda a cuberta para eliminar musgos e sucidade, selar as xuntas de unión dos paneis, aplicar un verniz protector de raios UV e revestir toda a cuberta cunha lámina elástica impermeable.
O Concello espera poder contratar estas obras, impulsadas pola área que dirixe o socialista Tino Fernández, ao longo dos primeiros meses de 2022.
Relacionadas:
-
Retoques finais ás obras de Pavillón Municipal dos Deportes
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Consello Superior de Deportes concede unha subvención de case 140.000 euros para as obras do Municipal
Por Redacción |
-
Catro empresas optan a realizar as obras da cuberta do Pavillón da Xunqueira
Por Redacción |
-
Un mes máis de prazo para culminar a reposición do céspede artificial dun dos campos da Xunqueira
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha o ano licitando obras por 4,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
O renovado multiusos da Xunqueira, preparado para o inicio dunha nova tempada deportiva
Por Redacción |