Cecilia Abal e Daniel Gómez, vencedores do Dúatlon Cros de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O luns festivo tivo aroma deportivo en Cerdedo-Cotobade coa celebración do seu II Dúatlon Cros, proba recuperada tras a pandemia organizada polo Tríatlon PC Rías Baixas e a Federación Galega de Tríatlon.
O evento foi tamén o peche do circuíto autonómico da especialidade, tras as carreiras celebradas previamente en Vimianzo, Baio e Lousame.
Algo máis de medio cento de deportistas tomaron a saída nunha xornada marcada pola climatoloxía adversa endurecendo o percorrido de 5,8 quilómetros a pé, 18 quilómetros en bicicleta e 2,9 quilómetros finais de novo a pé.
Ao final os vencedores absolutos do II Dúatlon Cros de Cerdedo-Cotobade foron Daniel Gómez e Cecilia Abal, completando o podio na categoría masculina Gabriel Castiñeira e Enrique Morán como segundo e terceiro e na feminina Ana María Vilas e Uxía Fernández.
"Certo é que á dureza da proba engadíuselle o mal tempo, pero desde logo non desdibuxou para nada a beleza do percorrido e a capacidade de esforzo e sacrificio de todas e todos os participantes dando boa conta da súa entrega e amor por este deporte", defendeu tras a competición o alcalde do municipio, Jorge Cubela.