Carballedo, última parada do calendario autonómico de dúatlon cros
Por Redacción
A ponte da Constitución terá aroma deportivo en Carballedo coa celebración do segundo Dúatlon Cros Cerdedo-Cotobade, que este martes foi presentado en sociedade.
A contorna da Chan acollerá unha competición que se disputará o vindeiro luns 6 de decembro como última cita puntuable do calendario autonómico da especialidade e que volve á palestra tras verse afectada o pasado ano pola pandemia.
Desta forma tras as carreiras de Vimianzo, Baio e Lousame, a de Cerdedo-Cotobade será unha proba decisiva para o desenlace do circuíto galego.
O segundo Dúatlon Cros Cerdedo-Cotobade dará comezo ás 11.00 horas da mañá cun percorrido de 5,8 quilómetros a pé, 18 quilómetros en bicicleta e 2,9 quilómetros finais de novo a pé.
Protagonizaron a presentación do evento deportivo o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o concelleiro de Deportes, Bruno Portela; Quique Hernández como representante do Tríatlon PC Rías Baixas e Pablo Cabanelas da Federación Galega de Tríatlon.