O título autonómico de escalada en idade escolar decídese en Pontevedra
Por Manu Otero
O rocódromo do Multiusos da Xunqueira acollerá este domingo a proba definitiva do Campionato Galego de Escalada en idade escolar. Corenta e dous mozos deportistas de categoría alevín, infantil e cadete, entre os que se atopan grandes promesas da escalada española, buscarán o título que supón a clasificación ao campionato de España dun deporte que cada día gaña máis adeptos.
A proba, que comezará ao redor das 10 e prolongarase ata as 14 horas, foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra coa presenza de directivos do Club de Montañeiros Celtas de Vigo e Aromon de Pontevedra, así como do concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
"En Pontevedra ofertamos máis de vinte modalidades nas escolas deportivas e este ano a que máis éxito tivo foi a escalada", dixo o edil socialista para xustificar as razóns para organizar unha proba deste tipo. "En Pontevedra organizamos eventos de todos vos deportes para darlle visibilidade e fomentar a actividade física", engadiu Fernández.
A organización deste campionato é froito da estreita colaboración entre os clubs de Pontevedra e Vigo, explicou a presidenta de conxunto olívico, Carmen Pérez, que non perdeu a oportunidade de reclamar máis e mellores instalacións para un deporte que está a experimentar un crecemento exponencial no número de licenzas, sobre todo entre o público máis novo.
Ademais, a igualdade é outro dos puntos fortes desta disciplina que a practican, a partes iguais, tanto homes como mulleres.
No rocódromo da Xunqueira daranse cita nenos e nenas con idades comprendidas entre os 9 e 16 anos co obxectivo de "promover o deporte, mellorar o nivel, estimular a competición e contribuír á igualdade de xénero", explica o director da proba.
O sistema de competición será por nivel de dificultade. Os escaladores deben ir alcanzando presas ata chegar ao final da vía e pasar logo a unha vía de maior dificultade. En caso de empate, o xurado que estará formado por cinco xuízas, levará a vitoria o que complete o ascenso no menor tempo.