O Arxil perde contra o Celta Selmark (64-49) e acaba segundo a primeira fase da Copa Galicia
Por Redacción
O Arxil pechou a súa participación na primeira fase da Copa Galicia cunha derrota contra o Celta Selmark por 64-49. E iso que empezaron ben as cousas para as pontevedresas. Grazas ao acerto de Centeno dominaron gran parte do primeiro cuarto. Foi ata que a excesiva rigurosidade arbitral e as dúas faltas que recibiu Tajay Ashmeade en tan só dous minutos, fixo cambalearse ás xogadoras verdes.
O segundo cuarto continuou coa mesma tónica. O Celta Selmark aplicábase en defensa e conseguía pechar o rebote, o que imposibilitaba o xogo ofensivo do Arxil, que non aproveitaba as opcións de tiros libres con que eran castigados os continuos contactos da defensa viguesa. En todo caso, as pontevedresas aguantaron o tipo e fóronse ao descanso con só sete puntos de desventaxe.
A partir de aí, o Arxil perdeu o norte. Trala reanudación e en tan só 50 segundos lles pitaron varias faltas persoais e unha técnica pola actitude do banco pontevedrés, o que sumado á permisividade en defensa, fixo que o Celta se situase doce puntos arriba. E xa no último cuarto, con Ashmeade eliminada por persoais, as viguesas dominaron o xogo interior, o que impediu que o Arxil se achegase con perigo no marcador.
Viguesas e pontevedresas loitarán a próxima fin de semana no pavillón de Esteiro (Ferrol) por conquistar o título autonómico. O Arxil enfrontarase en semifinais ao Universitario de Ferrol, que malia perder ante o Durán Maquinaria Ensino por 75-71, quedaron primeiras do seu grupo na primeira fase desta Copa Galicia.
O Universitario de Ferrol será tamén o primeiro rival do Arxil na Liga Feminina 2. As ferrolás visitarán o pavillón do CGTD o próximo 26 de outubro.
CELTA SELMARK (64): Pallardó (1), Canella (2), Araujo (10), Alonso (11), Rodríguez (5) -cinco inicial- Loureiro (17), Herbello (3), Varela (7), Coello (6) y Nogalle (2).
ARXIL (49): Carla (0), Lago (8), Centeno (17), López (4), Ashmeade (9) -cinco inicial- Martín (0), Carrera (0), Tuda (6) y Díez-Poche (1).
Parciais: 18-14, 11-8, 21-12 y 14-15
Árbitro: Domínguez e Rilo. Eliminaron por persoais a Ashmeade e Lago.
Incidencias: Encontro disputado no Pavillón de Bouzas, que rexistrou unha boa entrada con bastante presenza da afección pontevedresa que se deixou notar coas súas protestas ante a arbitraxe caseira de Domínguez e Rilo.