Dobre título nacional para Lydia Pérez, no tapiz... e na praia
Por Diego Espiño
A localidade murciana de Los Alcázares, na que se atopa o Centro de Alto Rendemento Infanta Cristina, foi escenario durante a pasada fin de semana dunha dobre cita para a loita nacional, cos Campionatos de España de Loitas Olímpicas e de Loita Praia, celebrados en días consecutivos.
Ata alí desprazouse o Club de Loita Pontevedra dentro da Selección Galega, con grandes resultados especialmente para Lydia Pérez.
A loitadora pontevedresa, que tentou ata o final a clasificación para os Xogos de Tokyo, demostrou unha vez máis ser a rival para bater na categoría de 62 quilos conseguindo subir todo o máis alto do podio, superando na final á vasca Ainhoa Santamaría.
Iso foi no tapiz, e un día despois repetiu sobre a area da praia, nunha disciplina pouco habitual para ela pero na que tamén colgou o ouro na categoría de 70 quilos ao vencer á tamén galega Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces).
Sobre a area triunfou ademais Pablo García nos 80 quilos, impoñéndose ao madrileño Carlos Fernando Señarís. O pontevedrés non correu a mesma fortuna no tapiz, finalizando oitavo na súa categoría.
A nivel de seleccións, Galicia foi subcampioa masculina e feminina no Campionato de España de Loitas Olímpicas e conseguiu o ouro en Loita Praia, na primeira vez que participaba nesta modalidade.
Relacionadas:
-
Lydia Pérez cae na rolda de clasificación do Europeo tras un apertado combate
Por Diego Espiño |
-
O torneo Dan Kolov en Bulgaria, primeiro reto internacional do ano para Lydia Pérez
Por Redacción |
-
Lydia Pérez viaxa a Suecia como 'sparring' olímpica
Por Redacción |
-
Lydia Pérez cae nos oitavos de final do Preolímpico e di definitivamente adeus a Tokyo
Por Diego Espiño |
-
Lydia Pérez cae en cuartos de final do preolímpico europeo de loita
Por Diego Espiño |