O Teucro iguala o seu mellor inicio ligueiro dende o descenso de Asobal
Por Diego Espiño
O bo inicio de tempada da Sociedad Deportiva Teucro elevou as expectativas dun equipo que, de momento, evita a presión e séguese fixando como obxectivo lograr a permanencia o antes posible.
Con dous triunfos e un empate nas tres xornadas disputadas, cinco puntos de seis posibles, o conxunto adestrado por Javier Barrios igualou o mellor arranque ligueiro dende o descenso de Asobal, no ano 2009.
Estes datos son calcados ao primeiro curso en División de Honra Prata, o 2009-2010, cando os azuis tamén sumaban cinco puntos a estas alturas de competición, co engadido de que naquela ocasión os dous triunfos chegaron a domicilio e o empate na casa, ao contrario do que sucede no presente curso, con dúas vitorias no Municipal ante Pozoblanco e Antequera e empate fóra ante o Zamora.
Aquel equipo, adestrado por Modesto Augusto, aínda gañaría un partido máis na cuarta xornada antes de encaixar a súa primeira derrota en Huesca.
Tras aquel ano, no que o Teucro finalizou a liga en sexto lugar, os azuis arrancaron a competición con catro puntos na 2010-2011 e só dous na 2011-2012 e no pasado exercicio, no que os de Javier Barrios gañaron na segunda xornada no Municipal ao Torrelavega e perderon o primeiro e terceiro partido ante Barcelona e Zarautz.
A pesar de que os números sexan similares aos da 2009-2010, os lerezanos melloran en dous aspectos a aquel equipo, contan cun maior diferencial de goles (+14) e ocupan o segundo posto da clasificación, polo quinto daquel ano.
Para mellorar estes rexistros e seguir afianzándose na zona nobre da clasificación, o Teucro buscará o próximo sábado a súa primeira vitoria a domicilio da tempada en Rentería ante o Ereinzta. Unha semana despois visitará o Municipal o Balonmano Alcobendas.