O Teucro apóiase na defensa para vencer ao Meridiano Antequera (35-24) e confirma o seu bo arranque ligueiro
Por Diego Espiño
Este Teucro vai en serio. Apoiado nunha férrea defensa e nun bloque compensado, como demostra o repartido dos goles no bando azul, o equipo pontevedrés venceu no Municipal a un rival que se prevía duro, o Meridiano Antequera (35-24), para confirmarse na zona alta da clasificación.
Sen embargo o resultado final pode resultar enganoso, pois o partido se mantivo igualado ata ben entrada a segunda metade.
De feito o equipo malagueño arrancou cun 0-2 de saída, querendo demostrar a presenza dun bloque enchido de xogadores veteranos e con experiencia.
O conxunto visitante chegou a poñer un 3-6 no electrónico. Era o minuto 8 de xogo e sería a maior renda para o Antequera, que viu entón como os azuis se entoaron e axustaron unha defensa que resultaría clave no choque.
Só catro minutos despois o Teucro xa empatara e pouco a pouco comezou a marcar a pauta no tenteo. Aínda que desaproveitaron varias accións para abrir unha maior brecha froito da precipitación, os de Javier Barrios lograron irse ao descanso dous goles arriba (15-13).
Ata 11 xogadores teucristas lograron marcar polo menos un gol
Á volta de vestiarios os andaluces calcaron o inicio de partido, cuns primeiros minutos de efectividade ofensiva finalizado cun parcial de 4-0 ao seu favor (17-18, minuto 37).
Nada facía sospeitar entón o desenlace final, porque foi a partir dese momento cando as forzas do Antequera fraquearon ante un Teucro que defendeu como nunca para, apoiado nun par de intervencións de Juan Bar e varios contragolpes, devolver primeiro o parcial (23-19, minuto 44), e rematar rompendo o choque ante o desespero do seu rival.
Ao final, dous novos puntos para un equipo pontevedrés que suma o seu segundo triunfo na casa, segue invicto con cinco puntos de seis posibles e se situou xa na segunda praza da clasificación, só superado pola Barcelona B.
SD TEUCRO (35): Juan Bar, Dorado (1), Álex Pombo (6), David Chapela (3), Miguel Porto (4), Víctor Rodríguez (3), Carlos García (8, 3p) -sete inicial- Carlos Pombo, García Pichel (3), Moreira (2), César Armán (1), Borja Pedreira (2), Miguel Sío (2), Daniel Pereira.
MERIDIANO ANTEQUERA (24): Jorge Villamarín, Rubiales (2), José Carlos López (1), Vico (1p), Bertos (5), Alexis Rodríguez (3), ÿscar Río (4, 1p) -sete inicial- Mikel Redondo (3), Maireles, Alberto Castro, Lorasque, Víctor Díaz (3), Ceballos (2), Quintana.
Árbitros: Miranda Bedate e San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron a Dorado, Álex Pombo, Miguel Porto e Víctor Rodríguez no Teucro e a Rubiales, Bertos, Alexis Rodríguez, Lorasque e Víctor Díaz no Meridiano Antequera.
Marcador cada cinco minutos: 1-3, 5-6, 8-8, 11-10, 13-12, 15-13, descanso, 17-15, 19-19, 24-20, 28-23, 32-24, 35-24.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 400 espectadores.