Victoria do Poio Pescamar (3-1) sobre o Ponte Ourense que o sitúa como colíder
Por Redacción
Dous de dous. Mellor comezo imposible para o Poio Pescamar, que na tempada do seu debut na máxima categoría do fútbol sala feminino arrancou pisando firme e sendo, xunto co Atlético Madrid Navalcarnero, os dous únicos equipos capaces de facer pleno nas dúas xornadas ligueiras disputadas.
A merecida e traballada vitoria fronte ao Ponte Ourense coloca as rapazas de Marcio Santos como colíderes da Primeira División. Certo é que aínda é moi pronto, pero tamén que estes resultados avalan o bo traballo e as posibilidades dun bloque sólido e convencido de que pode competir con calquera rival.
Como xa vén sendo habitual, o Poio comezou o partido con moita intensidade, premendo sempre moi arriba sobre a saída de balón do contrario. Froito desta formulación ambiciosa pronto chegaba o primeiro gol, obra de Ceci, cando tan só se disputaran cinco minutos de xogo, culminando unha xogada de estratexia en lanzamento de falta.
O Poio mandaba no partido, e aínda que as ocasións de perigo eran escasas, as ourensanas xogaban a mercé do equipo local, que lograría marcar novamente aos quince minutos por medio da súa capitá, Charo, tras gañar as costas á defensa e bater a meta visitante, cun disparo cruzado.
Tras o descanso o Ponte Ourense mellorou o seu rendemento e conseguiu nivelar o dominio que ata entón exercía o Poio. Marta reducía distancias nunha rápida contra. Con 13 minutos por diante o Poio cedía a iniciativa buscando sentenciar ao contragolpe. A falta de dous minutos, as ourensanas arriscaron coa opción de porteira-xogadora, pero saíulles mal e Claudia lograba establecer o definitivo 3-1 no marcador.
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Claudia, Ceci, Kiko, Charo -cinco inicial-, Peque, Elena, Yoli e Paloma.
PONTE OURENSE (1): Vanessa; Anita, Rosángela, Souza, Marta -cinco inicial-, Cristina, Laura, Drica e Dana.
Árbitros: Castro Maquieira e Outero Baltasar (Pontevedra). Amoestaron a Ceci e Cristina.
Goles: (1-0) Minuto 5 Ceci. (2-0) Minuto 15 Charo. (2-1) Minuto 27 Marta. (3-1) Minuto 39 Claudia.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 450 espectadores.