Situación límite no Pontevedra
Por Diego Espiño
Agora si que xa non hai máis marxe para o erro. Tras a súa derrota en Salamanca fronte a Unionistas o Pontevedra Club de Fútbol atópase nunha situación límite.
O investimento e o proxecto confeccionado esta curso, mirando cara á reestruturación da categoría, poñía como obxectivo mínimo pasar o corte da nova Segunda B PRO ou Primeira RFEF como foi bautizada formalmente, pero de esguello miraba cara á loita polo ascenso.
Iso pasa irremediablemente por finalizar a primeira fase da competición entre os tres primeiros postos.
É certo que os granates aínda dependen de si mesmos, pero as sensacións non están a ser as mellores. Así, desde a sétima praza que ocupan están a tres puntos do Deportivo, que é terceiro, cun partido menos, aínda que outros rivais que están entre medias tamén contan con xornadas perdidas.
Por diante restan sete xornadas máis o choque aprazado contra o Guijuelo, e xa non só vale gañar o primeiro deles, senón que se fai necesario encadear unha serie de bos resultados para recobrar opcións e confianza. Só así se podería salvar unha situación que ameaza seriamente con facer saltar polo aire o proxecto dirixido por Jesús Ramos desde o banco, más cuestionado agora que nunca.
Xa non valen as escusas, empezando pola complicada saída da próxima fin de semana ao Municipal vigués de Barreiro, onde espera o Celta B, sexto con 14 puntos (polos 13 do Pontevedra) e un partido menos. Despois visitará Pasarón o Zamora (2º), haberá que viaxar ao campo do Salamanca CF UDS (9º), seguindo con Compostela na casa, Deportivo fóra, Coruxo na casa e Guijuelo a domicilio. Ante este último equipo haberá que xogar dúas veces, pois aínda debe fixarse o duelo aprazado entre ambos os dous polo temporal de neve.