Inxusta derrota do Pontevedra fronte a Unionistas (1-0) que o deixa na UCI
Por Diego Espiño
No fútbol os erros páganse e máis se os cometes no campo do líder. Porque o Pontevedra foi outro con respecto á súa última xornada de liga ante o Racing de Ferrol, mellorando a súa imaxe (non era difícil), pero non lle bastou para sumar quedando nunha delicada situación tras tres derrotas consecutivas en liga, con cinco xornadas sen gañar. Demasiadas para un equipo que aspira aos tres primeiros postos e que ve afastarse ese tren. Certo é que nesta ocasión non o mereceron os granates, e só un penalti por unha clara Man de Xisco Campos ao fío do descanso terminou por decidir un encontro que mereceu, canto menos, terminar en empate nunha segunda parte de dominio pontevedrés.
Jesús Ramos deu entrada a varios cambios no once que dispuxo sobre o Estadio Reina Sofía salmantino. Ademais da evidente volta de Charles tras a súa sanción polo lesionado Rufo, Aitor comparecía no lateral dereito e Martín Diz na zona ofensiva. Xunto á formulación inicial, no que os granates buscaban ter presenza en campo contrario, tamén influía un forte vento en contra durante os primeiros 45 minutos, que comezaron cun Pontevedra ben plantado sobre o terreo de xogo e un Unionistas concedendo poucos espazos.
Así a loita trasladouse ao centro do campo. Parecían estar un pouco mellor os pontevedreses, e de feito a primeira boa ocasión foi súa pasado o cuarto de hora de xogo, tras un roubo de Álex González. O extremo chegou á frontal da área e deixou para que Jorge Fernández desde a media lúa disparase coa dereita raso, atopándose coa intervención de Serna.
Tardou dous minutos en responder o cadro local nunha acción de Jon Rojo para a entrada en carreira de Cris Montes, pero Mario achicou ben os espazos na postería e gañou o duelo no man a man.
Pasaban os minutos sen grandes ocasións pero si con moita intensidade, aínda que conforme íase achegando o descanso Unionistas comezaba a ameazar nalgunha que outra transición. Tamén nun disparo afastado e duro de Manu Viana no rexeite dun córner que marchou lixeiramente alto. Esa acción fixo crecer aos locais, que rozaron o 1-0 no 37 noutro saque de esquina desde o costado esquerdo. Apareceu de novo Mario para cunha gran intervención manter a igualada sacando o remate en carreira de Acosta.
Con todo, e cando parecía que se ía a chegar con empate ao descanso Churre non acertou a despexar o esférico na zona do lateral destro, e na segunda acción o centro dos salmantino tocou na man de Xisco Campos, moi despegada do seu corpo. Penalti claro que Aythami non desaproveitou para poñer en vantaxe a Unionistas batendo a Mario ao 'Panenka'.
Tocaba de novo remar en contra, pero faltaban 45 minutos para agarrarse non só ao partido, senón á zona alta da clasificación, e esta vez, a diferenza de sete días atrás, si o tentou con rabia e amor propio o cadro granate. Tras o descanso os de Jesús Ramos tomaron a iniciativa, cun equipo local replegado contento co botín obtido. Asumíanse iso si certos riscos e os de Salamanca estiveron preto de aproveitalos, primeiro nun fallo de Xisco deixando a Manu Viana en vantaxe para encarar a Mario e despois nun disparo escorado de Dieguito, ambos os dous sen acerto.
Desde o banco pontevedrés intentouse reaccionar dando entrada a Oier Calvillo e ao recentemente chegado Damià Sabater, e aos poucos empezábase a roldar a área contraria, pese a evidenciar de novo certa falta de ideas. Probouno primeiro Sabater resultando o seu disparo defectuoso, e despois un Jorge Fernández que obrogou a lucirse ao meta local Serna. Foi o preludio da mellor ocasión do partido. Jorge sacou un córner desde a dereita buscando o segundo pau, Charles amornou de cabeza e Oier, só ao bordo da área pequena e con todo a favor, rematou contra o traveseiro. Non se podía crer a que fallara o Pontevedra.
Continuou o cadro granate, e no 77 Xisco tivo a igualada na súa cabeza, noutro saque de esquina, converténdose Serna nun xigante baixo paus. O erro foi dobre, e é que o central redondeou o seu partido 'horribilis' no repregamento defensivo dese mesmo córner, cunha durísima entrada sobre Acosta que lle custou a expulsión directa.
Con 10 tirou de caste o Pontevedra para pechar o líder, pero a empresa era xa moi complicada, e só un remate de cabeza de Oier ocasionou un certo perigo a un Unionistas que tirou de oficio para que o partido morrese sen cambios no electrónico.
Melloría de imaxe, é posible, pero derrota á fin e ao cabo nun partido pouco vistoso dun conxunto granate que, agora si, non pode permitirse volver fallar e que empeza a necesitar un triunfo como o respirar para volver engancharse á pelexa.
UNIONISTAS CF (1): Serna, Íñigo Muñoz (Álex Rey, min.68), Ramiro, Mario Gómez, Cris Montes (De la Nava, min.76), Aythami (Dieguito, min.46), Jon Rojo, Manu Viana (Carmona, min.63), Acosta, Lama (Nespral, min.68), Marín.
PONTEVEDRA CF (0): Mario, Aitor Núñez, Churre, Xisco Campos, Eneko, Borja Martínez (Damià Sabater, min.52), Imanol, Álex González, Jorge Fernández, Martín Diz (Oier Calvillo, min.46), Charles.
Árbitro: Alejandro Quintero González, auxiliado en las bandas por López Aranda y Hernández Maestre (Andalucía). Amonestó a Acosta, Serna, Aythami y Mario Gómez en el Unionistas. Expulsou o pontevedrés Xisco Campos por vermella directa (min.79)
Gol: 1-0 Aythami, de penalti (min.41).
Incidencias: Partido de la jornada 11 de liga en la Segunda División B disputado en el Estadio Reina Sofía de Salamanca, disputada a puerta cerrada.
Relacionadas:
-
O Pontevedra deixa escapar o triunfo ante o Celta B no último suspiro e permanece na UCI (1-1)
Por Manu Otero |
-
Rufo entra na convocatoria do Pontevedra para medirse ao Celta B
Por Diego Espiño |
-
Barreiro, onde todo empezou para Jesús Ramos
Por Diego Espiño |
-
Competición confirma o partido de sanción a Xisco Campos tras a súa expulsión fronte a Unionistas
Por Redacción |
-
Situación límite no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un erro na acta arbitral deixa no aire a sanción de Xisco Campos tras a súa expulsión en Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Evitar "présas e ansiedade", primeira premisa do Pontevedra para derrotar ao líder Unionistas
Por Manu Otero |
-
Rufo estará de baixa entre 3 e 4 semanas "en función da súa evolución"
Por Diego Espiño |
-
Churre cre que "ya casi no hay margen de error" para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Damià Sabater, presentado en Pasarón: "Tenía ganas de venir en verano y no se pudo concretar. Creo que he acertado"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A lesión de Rufo obriga a cambiar o plan: o Pontevedra, á procura dun dianteiro sub-23
Por Diego Espiño |